TURISMO

Un 15 por cento dos visitantes de Monterrei son estranxeiros

Un grupo de turistas de Ponferrada, durante a súa visita a Acrópole de Monterrei.
photo_camera Un grupo de turistas de Ponferrada, durante a súa visita a Acrópole de Monterrei.
Durante o 2019 achegáronse ata a oficina de turismo persoas de Xapón, Australia ou Singapur

A Oficina de Turismo de Monterrei vén de facer públicos os datos máis relevantes e correspondentes ao funcionamento da entidade durante o 2019. 

No que atinxe ao número de persoas que visitaron dito punto de información, o pasado ano acadáronse as 21.556. Todas elas pasaron pola oficina para coñecer o entorno, participar en visitas guiadas ou acudir aos diferentes eventos que se organizaron na Acrópole de Monterrei -55 actividades en total-. 

No periodo comprendido entre xuño e setembro rexistráronse máis visitas -un 39 por cento do global -que no resto do ano. Neste punto, dende a oficina destacaron que o turismo segue a crecer de xeito gradual todos os meses e matizaron que, fóra da tempada estival, o Entroido adoita incrementar a afluencia. 

Por outra banda, un total de 91 grupos de persoas distintos visitaron a Acrópole de Monterrei -ademais das visitas individuais-. A súa procedencia foi, en grande parte, Galicia -un 53 por cento-, aínda que tamén se achegaron persoas do resto de España -un 32 por cento-, destacando, especialmente, os madrileños. O 15 por cento das visitas restantes corresponderon a turistas internacionais, entre os que destacaron os procedentes de Portugal, Xapón, Australia ou Singapur. 

Tal e como explicaron dende a Oficina de Turismo de Monterrei, percibiron un especial interese sobre os recursos monumentais e o enoturismo da comarca. 


Máis promoción 


Dende este punto de información continúase a promover o coñecemento do potencial turístico de Monterrei coa elaboración de trípticos e a potenciación das súas diferentes canles de comunicación. 

Por outra banda, para este 2020 estase a deseñar unha nova estratexia de promoción e a confección dun amplo programa de actividades. 

No trascurso deste ano empregarase, do mesmo xeito que ata o momento, o Hospital da Trinidade como centro de actividades culturais e de divulgación, potenciando o número de eventos a desenrolar neste entorno. Actualmente -e como exemplo- pódese visitar unha mostra de Xosé Rivada. 

O horario se reforzará no Entroido e propoñeranse concursos neste punto.

Te puede interesar