MONTERREI

Actividades para todos os públicos no Lázaro

Beatriz Fernández, Diego Lourenzo e Purificación Caldelas.
photo_camera De esquerda a dereita, Beatriz Fernández, Diego Lourenzo e Purificación Caldelas.

A festa desenvolverase os vindeiros días 5, 6 e 7 do mes de abril 

A festividade do Lázaro, que se celebrará os vindeiros días 5, 6 e 7 de abril, contará con diversas actividades dirixidas a todos os gustos e públicos. O programa do evento foi presentado onte oficialmente polo tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; Purificación Caldelas, concelleira de Turismo e Comercio, e Beatriz Fernández, como representante do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas. 

Entre as novidades previstas para este ano están dúas novas exposicións no Museo Claustro Mercedario -que reabrirá as súas portas con motivo deste evento-, xornadas temáticas sobre as plantas medicinais e recuperación de oficios tradicionais, o primeiro Intercambio transfronteirizo entre a Asociación Cultural Candaira e o Rancho Folclórico Os Camponeses de Arosa. 

Ademais, a todas estas actividades sumarase a tradicional Feira Agro Verín, a do Libro, a de Artesanía, actividades infantís pedagóxicas, actuacións musicais variadas, o Túnel do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, un torneo de golf, unha mostra de vehículos de ocasión, unha marcha BTT, fútbol, natación, actividades de ocio e unha oferta gastronómica especial do Lázaro. 

Diego Lourenzo, rexedor en funcións, recordou que "fai tres anos, dende o grupo de goberno, dábamos un xiro total a estas tradicionais festas co firme propósito de recuperar o seu antigo esplendor". Lourenzo subliñou, asimesmo, o "evidente éxito de participación" experimentado nas pasadas edicións. 

Beatriz Fernández, técnica do Centro Portas Abertas, confirmou que Agro Verín contará durante os vindeiros 6 e 7 de abril cunha completa feira de mostras, ubicada no pavillón municipal de deportes da vila. 

Purificación Caldelas fixo fincapé no "completo abano de propostas" lúdicas e educativas infantís programadas. Para complementar o programa, volverá a asentarse na rúa Irmáns Moreno unha mostra de vehículos de ocasión.

Te puede interesar