cultura

O actor Santiago Cañaveral formará actores teatrais en Verín

Un curso cuxo obxectivo será obxectivo a profesionalización actoral, o recoñecemento e eliminación da autocensura, provocada polos condicionantes sociais 

O Concello de Verín, en colaboración co actor natural da vila, Santiago Cañaveral, promoverá unha formación de interpretación teatral dende o vindeiro mes de marzo ata xuño deste mesmo ano. A actividade desenvolverase todas as semanas e haberá dous grupos: un de adultos, de máis de 18 anos, e outro de mozos, de entre 12 e 18 anos. 

As liñas fundamentais deste curso serán a expresión corporal e a interpretación con orientación á superación de bloqueos emocionais e o obxectivo do mesmo, ademais da profesionalización actoral, será o recoñecemento e eliminación da autocensura, provocada polos condicionantes sociais nos que, en parte, se atopa envolta a sociedade. 

A inspiración, tanto práctica como teórica, para esta formación, parte das ensinanzas dos principais mestres da interpretación do século XX, e a perspectiva didáctica estará enfocada ao teatro pobre, centrado na formación total do actor, tanto física, como teórica. 

Un dos apartados da programación será a representación de escenas a finais do mes de xuño. Será nesas datas cando os alumnos e alumnas amosen o aprendido, e fagan gala da súa "creatividade" e "coraxe". Segundo explicou Santiago Cañaveral, "a idea é que os alumnos constrúan as súas burbullas creativas". 

As inscricións realizaranse na primeira planta do Concello ou no 600 23 43 18.

Te puede interesar