MONTERREI

O alumnado do Taboada Chivite de Verín viaxará ao estranxeiro

O centro acaba de conseguir unha beca erasmus plus para coñecer Portugal, Hungría, Finlandia e Italia

O alumnado e profesorado do Instituto Xesús Taboada Chivite viaxará durante dous anos a varios países europeos grazas a unha beca coa que se ten dotado ao centro. O IES acaba de coñecer a resolución favorable á súa participación no proxecto Erasmus plus para os cursos académicos de 2020 e 2021. 

Tal e como explicaron dende o instituto verinés, tanto mestres coma estudantes desprazaranse a Portugal, Hungría, Finlandia e Italia co obxectivo de traballar activamente en temas vencellados á identidade, diversidade, inclusión social e convivencia escolar, tan importantes nestes tempos. 

O profesorado do Instituto Xesús Taboada Chivite que participa neste proxecto internacional será o encargado de proceder á selección do alumnado participante nas distintas mobilidades. Do mesmo xeito, os profesionais do ensino tamén se encargarán do modo de traballo e a temática fixada en torno aos temas principais do plan. 

Dende o centro verinés destacaron que, con este proxecto, o Instituto pretende, entre outras moitas cuestións, que o alumnado mellore a súa aprendizaxe das linguas de cara a un futuro laboral. 

Por outra banda, tamén se buscará durante as datas nas que se celebren as distintas viaxes, que os xóvenes coñezan a ampla diversidade lingüística existente na Unión Europea e que se sensibilicen a prol da sensibilización intercultural.

Te puede interesar