Animación musical, actividades infantís e unha marcha solidaria na Feira de Nadal de Verín

1M1A2935FEIRA DE NADAL DE VERIN_S (1)
photo_camera Imaxe dunha edición pasada da Feira de Nadal de Verín.
A cita celebrarase os días 9, 10, 11 e 12 de decembro na Praza García Barbón

Un total de 24 postos temáticos de artesanía e alimentación, animación musical, unha marcha solidaria e actividades para os máis cativos da casa. Así será a programación da próxima Feira de Nadal de Verín, que se celebrará na Praza García Barbón os días 9, 10, 11 e 12 de decembro.

A programación oficial foi presentada este venres en Verín por Manuel Lorenzo, concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, e por Emilia Somoza, edil de Educación, Cultura e Festexos. 

"Serán un total de 24 postos temáticos os que se instalarán no recinto feiral e que contarán cunha completa e variada oferta de produtos de artesanía e alimentación", explica Lorenzo, quen afirma que tamén haberá "unha interesante mostra dalgúns dos elementos ornamentais máis típicos de Nadal como son os agasallos artesáns, a decoración variada ou as figuras para a árbore". 

Pola súa banda, Emilia Somoza anota que "nesta edición da feira, como xa vén sendo habitual, non faltará a música". O sábado 10 de decembro, ás 19,30 horas, actuará na Praza Maior "Pakolas" co seu concerto "Rockeando con Ramona Órbita, a doa do tempo". Ofrecerá aos asistentes unha divertida actuación didáctica infantil en galego. O domingo, ás 18,00 horas, a Coral de Verín poñerá o broche musical á feira. Un mercadiño que estará aberto en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

Como de costume, o domingo 11 de decembro entregarase o premio ao mellor stand de Nadal e farase o sorteo dunha cesta con diferentes produtos cedidos polos expositores, antes do peche do recinto, ás 19,45 horas.

Primeira marcha solidaria

No marco desta iniciativa, o centro de lecer infantil e xuvenil "Los mundos de Iker" organiza, o sábado 10 de decembro, en colaboración co Concello, a primeira marcha solidaria de Nadal, destinada a recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca. Trátase dunha carreira solidaria non deportiva-competitiva na que poderán participar tanto nenos e nenas como adultos, en diferentes categorías. 

A saída será ás 16,00 horas dende a Praza García Barbón e o percorrido realizarase polas rúas do casco vello de Verín. Tamén haberá un premio especial ao mellor disfrace por cada categoría e un sorteo de premios entre todos os corredores.

Diversión para os cativos

Tamén haberá actividades para os máis pequenos da casa. O sábado, entre as 17,00 e as 19,30 horas, celebrarase un obradoiro de adobíos de nadal con gomaeva. "Ademais, o domingo, durante toda a tarde, os nenos que se acheguen ao recinto da feira recibirán a visita dunha das figuras máis tradicionais do Nadal, o Papá Noel", remarca Somoza. 

Te puede interesar