ENTREVISTA

Antón Barros: "A acuarela foi unha consecuencia do coronavirus"

photo_camera A sala de exposicións de Monterrei acolle a obra de Antón Barros. (Vídeo: C. C.).
A exposición do artista estará todo o mes de abril na fortaleza de Monterrei

A sala de exposicións Hospital da Trinidade de Monterrei acolle a obra de Antón Barros, un pintor ourensán, natural de Punxín, que tras combinar durante anos o debuxo técnico coa pintura, agora adícase de cheo a esta arte. As súas obras, 10 en óleo e 13 en acuarela,  estarán expostas en Monterrei durante todo o mes de abril.

Como chegou a súa obra a sala de exposicións da Trinidade de Monterrei?

En Monterrei estiven nalgunha exposición porque coñezo a Xosé Rivada, un artista desa comarca, e cando el presentou o ano pasado unha exposición a que asistín, propúxome amosar a miña obra na fortaleza. A finais do ano pasado chamáronme e aquí estamos, coas miñas obras na sala de exposicións de Monterrei. 

Que se pode ver nesta exposición?

Na exposición hai dúas etapas diferentes, diferenciadas cada unha nun piso. O primeiro andar agocha pinturas en óleo, mentres que no segundo se poden atopar obras en acuarela. A mostra non ten unha temática, pinto realismo e adoito pintar detalles que me gustan, imaxino ou vexo. Unha das obras grandes que hai en Monterrei é un candado, porque me gustan os tons óxidos. 

Que prefire, o óleo ou a acuarela? 

A textura do óleo é diferente, a visualización da acuarela... É moi diferente. Quédome coas dúas, pero se tivera que elixir optaría polo óleo. Levo toda a vida pintando en óleo e a acuarela foi unha consecuencia do coronavirus, pero resulta que me gusta moito.

Por que aparece a acuarela co coronavirus?

Cando xurdiu o coronavirus e o tema do confinamento comecei a pintar con acuarela. Eu vivo en Ourense pero teño o meu taller en Punxín, e non puiden ir polr alí entón non podía pintar. No piso non me gusta pintar con óleo porque cheira moito e non é agradable. Así comecei coa acuarela e teño unha serie de cadros, os 13 que estan expostos en Monterrei.

Que intenta transmitir coas súas obras?

Cando pintas un cadro tratas de contar unha historia, a túa historia. O que non trato en ningún momento é que ninguén interprete a miña historia, senón que cada un o ver a peza faga a súa propia. Se coincide coa miña xenial, pero todos temos unha visión diferente da misma cousa, por iso non quero transmitir nada concretamente, só a miña realidade e que cadaquén a interprete como queira.

Na actualidade ten algunha exposición vixente? 

Teño unha exposición permanente na tapería La Brava, en Ourense, pezas que renovo de vez en cando. E polo momento, co coronavirus non teño pensado levar a obra a ningún lado, está todo no aire e parado... A pandemia afectou, noteino á hora de pintar, de vender, de todo...

A súa vida profesional sempre estivo moi ligada ao debuxo, comezou co técnico e agora adícase de cheo ao artístico, como foi ese cambio?

Toda a vida me adiquei a isto. Mentres me dediquei ao debuxo técnico a parte artística era máis escasa, aínda así nunca deixei de pintar. A consecuencia duns problemas persoais deixei de traballar no meu oficio de debuxante técnico e adiqueime a pintura de cheo, dende fai aproximadamente 10 anos. Así que foi un cambio especial, porque nunca deixei de pintar, entón foi moi agradable, porque xa só tiven que centrarme na pintura e era o que quería.

Para rematar, que é para vostede a arte?

É unha forma de desafogo, unha forma de contar a túa realidade, unha vía de escape. Hai quen escribe, hai quen toca un instrumento e hai quen pinta. Eu escollín a pintura porque sempre se me deu ben, xa de pequeno me gustaba debuxar e pintar.

Te puede interesar