PATRIMONIO

Aparecen novas cabanas no Castro da Saceda en Cualedro

<p></p>
photo_camera Unha cabana descuberta na última semana fóra do recinto fortificado.

Os vestixios están ubicados fóra das murallas do xacemento, feito que amplía a súa importancia

A intervención realizada nas últimas semanas por parte de arqueólogos e restauradores no Castro da Saceda de Cualedro, que tiña como obxectivo facelo máis accesible e didáctico, trouxo consigo unha sorpresa maiúscula: o achado de dúas cabanas circulares -hórreos da época- de grande diámetro fóra das murallas, un feito que amplía "as dimensións e a importancia do xacemento arqueolóxico", tal e como apuntou o director do proxecto, Martiño Xosé Vázquez. "Foi Antonio Rodríguez Colmenero -a quen este ano o Padroado do Museo da Limia outorgará o Premio Pedra Alta- quen apuntou a esta posibilidade. Unha hipótese que confirmamos ao descubrir estes vestixios, superiores a calquera do interior do recinto fortificado. O seu grande tamaño e a existencia dunha única lareira lítica conservada, apunta claramente a que estamos perante un lugar de habitación, o verdadeiro poboado", engadiu.

A mediados do pasado mes de setembro, o Concello de Cualedro promoveu unha serie de traballos coa finalidade de musealizar o monumento -o único castro declarado Ben de Interese Cultural da provincia de Ourense- instalar paneis indicativos para recibir a potenciais visitantes e optar aos fondos do 1% cultural do Ministerio de Fomento para acondicionar a súa contorna.

As actuacións centráronse na restauración de cabanas e murallas milenarias, xunto co deseño dun itinerario guiado. Nas vindeiras semanas rematarase a instalación de abundante cartelería informativa e interpretativa. Por este motivo, foi preciso executar varias sondaxes arqueolóxicas co fin de drenar as augas do recinto e que as choivas non puxesen en risco a conservación das estruturas. Gracias a este feito, os investigadores puideron confirmar varias hipóteses. "Podemos afirmar, con plena convicción, que o recinto fortificado ten unha antigüidade próxima aos 2.500 anos e que un grande incendio obrigou aos seus habitantes a reconstruílo case na súa totalidade", asegurou o arqueólogo Martiño Vázquez. Non se descarta que poidan aparecer novas estruturas ou, incluso, fornos para forxa e fundición metalúrxica.

Te puede interesar