patrimonio

Aparecen pinturas rupestres na zona de Monterrei e Oímbra

Zona na que se atoparon as pinturas rupestres, nos concellos de Oímbra e Monterrei.
photo_camera Zona na que se atoparon as pinturas rupestres, nos concellos de Oímbra e Monterrei.

O achado é investigado pola Universidade de Vigo no xacemento da Ceadá das Laxas das Chas

Nun abrigo natural, nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes con dominio visual sobre o val que rodea o xacemento do Castelo de Lobarzán A Ceadá das Laxes das Chas, nos concellos  de Monterrei e Oímbra, veñen de descubrirse pinturas rupestres da tradición esquemática, realizadas sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte. 

Así o anunciou onte a Universidade de Vigo, que sitúa o achado na recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica desta área arqueolóxica. Segundo explica Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo, con motivo dos traballos preparatorios para o proxecto de intervención no xacemento do Castelo de Lobarzán A Ceadá das Laxes das Chas, "tivemos coñecemento da existencia dunhas posibles pinturas a través de J. L. Arias, que visitara o lugar conxuntamente con outros veciños do Rosal (Oímbra)".

Unha vez localizado o enclave por Beatriz Comendador e os arqueólogos Víctor Rodríguez e Nieves Amado, confirmaron “a existencia de pintura prehistórica conxuntamente con restos arqueolóxicos característicos dunha cronoloxía por volta do terceiro milenio antes da nosa era", comenta a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense.

As pictografías, segundo detalla nunhas declaracións que recolle a Universidade de Vigo Beatriz Comendador, atópanse "nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes desprazadas, parcialmente á intemperie e situadas nos fragueiros do xacemento" e poden integrarse dentro da tradición de arte esquemática. O abrigo, indica, encádrase na categoría de locais ocultos, de acceso difícil e incluso perigoso, e os motivos atópanse na parede dun corredor natural semiaberto, cunha apertura con dominio visual sobre o val. A arqueóloga salienta como o achado está composto por dous motivos illados, situados preto da base, a unha altura duns dez centímetros do chan. Un aspecto importante, subliña, "é que están realizados sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte” pois, indica Comendador, "coñecíase pintura no interior de cámaras funerarias pero non neste tipo de abrigos naturais".


Tinta plana vermella


Sobre as pinturas descubertas, a arqueóloga da Universidade de Vigo salienta como se trata de "figuras realizadas en tinta plana vermella, aparentemente de cores semellantes, cunha forte abstracción e hieratismo". Un dos motivos localizados, indica, é unha figura antropomorfa, "asimilable ao tipo dos antropomorfos cruciformes ou os sexuados coñecidos en Las Batuecas (Salamanca), Cáceres, Cabeza del Buey (Badajoz) ou noutras zonas máis meridionais". A súa cronoloxía s sería consecuente coa da primeira ocupación coñecida do enclave do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, caracterizada por un importante conxunto de cerámicas prehistóricas, entre elas as do tipo Penha, propia dos asentamentos do neolítico final/calcolítico no noroeste peninsular, e especialmente no val do Támega.

Te puede interesar