Un artista local asina o Premio do Público do Festival de Curtas de Verín

19082022 PREMIO PUBLICO_O PEDREIRO ARTESAN
photo_camera O artesán Rubén Pedreiro.
Rubén Pedreiro, natural do Riós e veciño de Verín, realizou unha peza que se caracteriza pola súa simpleza

Como xa é habitual dende os inicios do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín, a súa organización ofrece a un artesán local a  posibilidade de crear a peza coa que se distinguirá o Premio do Público. Nesta edición, escolleuse ao artesán Rubén Pedreiro, natural de Riós e afincado en Verín, quen nun primeiro momento se amosou "sorprendido" coa petición da organización do certame. 

Pedreiro, que ademais de artesán, rehabilita vivendas, dixo que si á proposta do FIC, poñéndose mans á obra para crear unha peza "en consonancia coa imaxe gráfica do FIC deste ano", apunta. Por iso, a proposta "parte do deseño que se realizou para o cartel, en particular do fenaquitoscopio", explica o artista local.

"Parto deste círculo psicodélico e aplícolle a filosofía do meu traballo como artesán: a simpleza", relata. Por iso, Pedreiro propón unha peza que emula unha "pedra collida do río, lixada cun rematado agradable ao tacto, que conserva os seus trazos básicos sen parafernalia e se sostén nunha peana de madeira coa parte de abaixo embutida na pedra", engade o artesán. 

Pola súa banda, Carlos Montero, director do Vía XIV de Verín, eloxia o traballo de Pedreiro e destaca a súa "singularidade" ao ofrecer un concepto moi "en sintonía e coherencia coa imaxe visual" desta edición do certame, que se celebrará do 30 de agosto ó 4 de setembro no Auditorio de Verín.

Te puede interesar