SESIÓN EXTRAORDINARIA

A asemblea da Mancomunidade de Monterrei tratou o aumento da axuda no fogar

Imaxe da asemblea extraordinaria da Mancomunidade de Monterrei.
photo_camera Imaxe da asemblea extraordinaria da Mancomunidade de Monterrei.
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín celebrou o xoves unha asemblea extraordinaria na que se aprobou a conta xeral e liquidación do orzamento 2023 e máis os orzamentos do 2024, que foron aprobados por unanimidade

As novas contas para o presente ano gozarán dunha achega orzamentaria total de 2.858.555,32 euros, o que supón un aumento de case medio millón de euros respecto aos do ano anterior.

A continuación, os sete concellos que forman parte desta entidade trataron o incremento dos custos da prestación do servizo de axuda no fogar, que afecta a tódolos municipios.

Para o presidente da Mancomunidade, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez,  a situación é preocupante para todos eles porque “o custo da hora aumentou exponencialmente, ata os 20-22 euros/hora, mentres que a subvención máxima que recibimos por parte da Xunta é de 12 euros”.

Os alcaldes acordaron a redacción dun comunicado, que será remitido á Xunta de Galicia, á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), á Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e ao Goberno.

Tras este punto, tratouse a xestión das brigadas antiincendios. Para esta campaña, o plan da Consellería do Medio Rural pasa porque na provincia de Ourense, catro das mancomunidades xestionen directamente as brigadas que antes eran municipais, entre as que se atopa a da comarca de Verín.

O presidente da Mancomunidade recoñece que “aínda non temos o convenio, pero disporíamos de catro brigadas”. Por último, someteuse a votación o plan de pragas para a eliminación dos niños da vespa velutina neste ano, que foi aprobado, ao igual que o resto dos puntos, por unimidade.

Te puede interesar