Avanzan os trámites da parcelaria de Berrande, en Vilardevós

A Consellería de Medio Rural declarou a firmeza do acordo da zona de concentración parcelaria de San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós). “Desta forma dáse un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, xa que só queda pendente aprobar a acta de reorganización, o que suporá o remate administrativo deste proceso, que quedará terminado coa posterior entrega dos títulos de propiedade”, explican.

Este proceso afecta a unha superficie de 508 hectáreas distribuídas en 630 predios de substitución cunha superficie media por leira de 7.853 metros cadrados, fronte aos 1.246 metros cadrados das 3.492 parcelas iniciais. Esta mellora, que beneficia a 257 propietarios, reduce os custos de produción das explotacións.

“Este tipo de procesos de reorganización do territorio é fundamental para paliar o minifundismo”, sinalan dende Medio Rural, recordando que no mesmo concello, o pasado ano se decretou unha nova zona en Soutochao, que abrangue 621 hectáreas.

Te puede interesar