monterrei

Barreal afirma que Laza ten "débeda cero" por primeira vez

A casa do concello de laza, así como o centro de saúde do municipio remataron de financiarse neste mandato

O rexedor de Laza, José Ramón Barreal, amosa músculo coa súa xestión ao ter acadado nestes anos unha "débeda cero" por primeira vez na historia do Concello. A mesma ascendía hai oito anos a 264.223 euros. Barreal explica que tomou como modelo a xestión realizada pola Deputación provincial e propúxose rematar con este déficit en dúas lexislaturas, aínda despois de ter mercado a finca Bacallana, por valor de 125.000 euros, para o patrimonio municipal. Neste senso, o mandatario local asegura que o seu obxectivo foi acadado con éxito. 

"Como dato", sinalan dende a administración local, aseguran que se pagou a construcción da Casa Consistorial e do centro de saúde nesta última lexislatura. A operación iniciouse hai 30 anos cun préstamo de 21 millóns das antigas pesetas ao 16 por cento de interese. Di Barreal que "non é normal" que tanto o seu antecesor como el estiveran tres décadas pagando a débeda contraída polo primeiro alcalde da democracia.

"Iniciar unha lexislatura coas contas saneadas e un orzamento de 1.500.000 euros, con 600.000 en investimentos, para o ano 2019 é, dende logo, motivo de alegría", manifesta o alcalde de Laza. "Non me queda máis que agradecer aos compañeiros de Corporación que entenderon o apertón", engade.

Te puede interesar