Reportaxe

A biblioteca de Verín, cuna de eventos

biblio2_resultado
photo_camera Aurora Prieto e Vicente Rodríguez, responsables da Biblioteca de Verín, xunto a unha imaxe de Xesús Taboada Chivite.
Logo do éxito das Xornadas de Novela Negra, os responsables da Biblioteca de Verín preparan as de Novela Histórica. Aseguran que o espazo é moito máis ca un lugar onde coller e depositar libros. É un epicentro cultural. 

Vicente Rodríguez e Aurora Prieto traballan codo con codo na Biblioteca municipal de Verín dende o 2006. Aseguran que, máis ca un espazo de lectura ou de préstamo de libros, o edificio converteuse no epicentro da cultura da vila, con decenas de actividades anuais. Entre elas atópanse as xa consolidadas Xornadas de Novela Negra ou as de Novela Histórica, que acadarán a súa terceira edición os vindeiros 27 e 28 do mes de marzo. Tamén puxeron en marcha un clube de lectura e un programa de voluntariado, ademais de celebrar contacontos, presentacións ou exposicións semanalmente. Neste senso, son conscientes de que unha biblioteca nunha localidade pequena coma Verín precisa de moita dinamización e eventos que atraian aos veciños e que contribúan a facer identidade. Todo este esforzo valeu que a biblioteca recibise o Premio María Moliner -cunha cuantía económica de 12.000 euros- no 2017 ao mellor proxecto de animación á lectura. 

"Cando cheguei aquí a traballar estrañoume que non viñeran nenos", recorda Aurora Prieto. "Naquel momento falamos Vicente e mais eu para facer actividades con eles. Queriamos que viñeran nenos porque son os que teñen a alma da biblioteca. Ao principio estabamos mortos de medo porque non se achegaban. Comezaron seis pequenos pero, pouco a pouco, foron vindo mais e así, ata o día de hoxe, que facemos actividades con eles todas as semanas", engade. Neste senso, unha vintena de rapaces achégase ao espazo todos os venres e, segundo os seus responsables, existe lista de agarda. 

Pola súa banda, Vicente Rodríguez asegura que se produxo "un cambio de mentalidade". Para o bibliotecario, Verín é unha vila pequena que ten que contar cunha biblioteca pero ésta non pode ser, simplemente, para recoller e depositar libros. "Hai que xogar con todo o demais e ser un pouco centro cultural. Trátase de vertebrar a cultura de aquí e atraer á xente", explica Vicente. "A partir daquel momento comezou o máis importante que facemos aquí que é o proxecto do voluntariado cultural: nenos que lle contan contos a outros nenos", engade. 

Na Biblioteca municipal de Verín tamén hai espazo para os lectores adultos, que participan no Clube de lectura. "Creouse un hábito de lectura nos maiores e tamén iniciamos todo o tema das presentacións. Miguel Losada ou Manuel Mandianes foron vitais neste aspecto", conta Aurora Prieto. 

Sen dúbida a Biblioteca de Verín vive un gran momento como expoñente cultural grazas ás súas xornadas de novela. "Javier Sierra, Premio Planeta, estivo aquí hai dous anos, e Santiago Posteguillo fai un. Intentamos facer todo con moitísimo mimo, ata os carteis, e tratamos de contar o que facemos con moita ilusión", recoñece Vicente. "Nas Xornadas de Novela Negra, encher o Auditorio foi impresionante. Agardamos que as de Novela Histórica teñan a mesma acollida", dixo o responsable do espazo verinés.

Te puede interesar