O BNG de Castrelo do Val critica "o mal estado da estrada tras as obras"

photo_camera Estado da estrada que comunica Verín con Castrelo. (Vídeo: C.C.).
Vicente Gómez: "Así non pode quedar, volveremos a insistir na Xunta, que son os que deben contactar con Adif"

Fai máis dun mes que o Concello de Castrelo do Val solicitaba á Xunta de Galicia que instara á Adif para o arranxo duns tramos sen acondicionar nas estradas OU-113 e OU-114, no marco dunha actuación de mellora destas vías por mor dos danos causados polas obras do AVE.

Ante a falta de melloras, o BNG de Castrelo critica a situación e asegura que “dende este grupo político insistiremos en pedir que as vías queden como antes das obras do AVE. De facer caso omiso, tanto a Xunta como Adif, propomos unha manifestación de toda a veciñanza”, anota Xosé Barxa, portavoz dos nacionalistas. 

Tamén Vicente Gómez, alcalde socialista de Castrelo, anota o seu descontento con esta actuación. “Como xa dixemos, así non pode quedar. Volveremos a insistir na Xunta, que é o organismo responsable que ten que poñerse en contacto con Adif para que arranxen isto”, sinala. 

Actualmente, os operarios xa se atopan traballando no pintado das vías, polo que ante o avance da actuación, tanto goberno local como oposición reclaman solucións. “O mal estado no que quedou a vía tras as obras é real, mesmo hai pegotes de cemento e firme irregular”, engade Barxa.

Te puede interesar