MONTERREI

O castelo conservará o acceso Norte co pavimento orixinal

<p></p>
photo_camera María del Carmen Martínez, directora Xeral de Patrimonio, visitou no mes de febreiro a fortaleza.


Patrimonio anuncia un investimento duns 350.000 euros para unhas obras que durarán un ano

Xa se conoce a solución que dende o departamento de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia se adoptou para solucionar o problema que se deu no acceso Norte á fortaleza de Monterrei. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou onte no Parlamento de Galicia que a decisión tomada ao respecto é a de compatibilizar o tráfico rodado e peonil coa conservación do pavimento orixinal, achado no marco dunhas obras de reurbanización e tendido de instalacións urbanas no ano 2016, logo de que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural asumira a escavación arqueolóxica e os traballos de recuperación, conservación e posta en valor deste pavimento orixinal.

Foi entón cando se atopou o Camiño Real que agora se pretende preservar e que propiciou o parón nas obras de rehabilitación dos accesos e mesmo o peche da instalación hoteleira no interior do Castelo de Monterrei.

Segundo confirmou o propio conselleiro no Parlamento de Galicia, adoptouse a decisión de compatibilizar o tráfico e a conservación da calzada histórica. Para iso, rematarase a obra en execución tapando de forma provisional con terra compactada os tramos de pavimento de pedra da calzada orixinal, que polo seu estado non permiten a circulación de tráfico rodado.

Este paso será previo á redacción dun proxecto de reparación, conservación e rehabilitación do pavimento orixinal da rúa co obxectivo de acondicionala para o tráfico peonil e rodado, garantindo a conservación dos seus valores culturais, unha obra que suporía un investimento duns 350.000 euros e que podería estar lista nun prazo aproximado de 12 meses.


Mellora da outra vía


De forma paralela e para garantir o acceso rodado ao Castelo mentres non se executen as devanditas obras de rehabilitación no Camiño Real, mellorarase a vía alternativa do tramo Sur da rúa principal, a que accede polo hospital da Trinidade. Estes traballos, que terán unha duración aproximada de dous meses, consistirán na mellora das rasantes, peraltes e capas de rodadura; construción de valos e varandas de protección sobre desniveis; ampliación dos radios de curvatura, e instalación de alumeado de balizamento e de elementos de regulación do tráfico.

Te puede interesar