Castrelo do Val impulsa unha campaña de compostaxe dende o fogar

Os interesados na reciclaxe deberán solicitar o seu composteiro doméstico, o que será gratuíto

O Concello de Castrelo do Val trata de potenciar a reciclaxe doméstica cun novo proxecto impulsado co apoio da Xunta de Galicia. “Puxemos en marcha un novo proxecto que quere potenciar a compostaxe doméstica e que consiste na reciclaxe en  orixe da materia orgánica converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio particular a poida utilizar na horta, nas terras de cultivo ou no xardín substituíndo así os fertilizantes artificiais”, explican dende o Concello.

Para iso, o ente municipal cederá gratuitamente composteiros domésticos aos interesados en sumarse a este plan ecolóxico, combinados con campañas informativas e visitas de persoal especializado que acudirá ás propias vivendas para o seguimento  e asesoramento sobre o uso axeitado do equipamento. Os interesados que desexen formar parte da iniciativa xa poden facer a reserva gratuíta do seu composteiro, pero para iso deben vivir nunha vivenda illada que conte cun mínimo de 50 metros cadrados de parcela. 

Esta iniciativa do Concello de Castrelo do Val, que se pon en marcha a través da colaboración coa Xunta de Galicia e o financiamento da Unión Europea, prolongarase ata o fin de existencias. Para máis información, aqueles que queiran sumarse ao reto da redución de fertilizantes artificiais poden chamar ao teléfono 988 41 90 02 e, así, coñecer máis de cheo esta campaña local

Te puede interesar