Castrelo do Val nomea fillo predilecto a título póstumo ao exalcalde Raúl Fernández

Fernández, fallecido en 2019, foi alcalde do municipio durante 18 anos

O Concello de Castrelo do Val vén de conceder a súa máxima honra, o nomeamento como Fillo Predilecto a título póstumo, ao seu ex alcalde Raúl Fernández, finado en xuño do 2019 de xeito temperá. A traxectoria do homenaxeado, quen tivo responsabilidades locais, provinciais e, finalmente, como deputado autonómico, fano merecente deste recoñecemento unánime de toda a veciñanza de Castrelo do Val. “Raúl foi un compañeiro leal, honesto, dialogante pero, sobre todo, unha persoa que xerou o consenso de quen o coñeceu e refírense a el como unha boa persoa”, declarou o alcalde, Vicente Gómez.

No pleno celebrado hoxe, a súa viúva, María Barreira, acompañada polo seu fillo e outros familiares, recibiu de mans do alcalde a placa e mailo diploma que acreditan a Raúl Fernández como Fillo Predilecto do municipio. O expediente, instruído pola tenente-alcalde, Mar Valle, desde febreiro deste ano, concitou o consenso unánime de toda a corporación e incorporou adhesións de ex alcaldes e alcaldes de toda a comarca, de todo signo político que quixeron sumarse a esta sentida homenaxe a unha persoa moi querida e recordada.

Ao tempo que se instruíu este expediente de honras, a Corporación de Castrelo do Val, contando co apoio do consello escolar, iniciou a solicitude para que o colexio do concello fose renomeado como CEIP Raúl Fernández, quen tamén tivo unha recoñecida traxectoria como mestre. A casualidade quixo que ambas honras se resolveran case a un tempo e así, o DOG do pasado 1 de decembro contiña a publicación da decisión tomada pola Consellaría de Educación de nomear o centro co nome do seu antigo mestre.

Te puede interesar