Castrelo do Val ten unha cita o 3 de xuño co baile e a artesanía

frasca candaira (1)
photo_camera Actuación dun dos grupos comarcais o pasado ano en Castrelo.

O Concello xa ten todo listo para celebrar a Frasca do Terrón, un evento de tradición galega

O Concello de Castrelo do Val, en colaboración coa agrupación de música tradicional Candaira, xa ten todo listo para a celebración da II Frasca do Terrón, un evento que une música e baile tradicional con artesanía e variadas actividades. A cita será o 3 de xuño e o epicentro da celebración será a área recreativa de O Terrón. 

A cita comezará ás 09,30 horas cunha ruta polo municipio. Sairá de Castrelo do Val e pasará polo núcleo poboacional de Ribas para rematar no punto de partida nunha ruta circular de dificultade baixa e oito quilómetros de distancia. Tras a parte máis deportiva do evento comezará a feira de artesanía, ás 11,00 horas para que os veciños e visitantes poidan descubrir a variedade de produtos que se ofertan na cita.

Será ás 12,30 horas cando dea comezo a música, da man da asociación de mulleres rurais da comarca e da agrupación Candaira. Tras elas, parada para o xantar e ás 16,30 horas os asistentes poderán desfrutar da actuación dos Monifates, unha mistura de música e monicreques nun espectáculo pensado para toda a familia. 

A Frasca do Terrón continúa cun obradoiro de baile ás 18,00 horas impartido por Alexandre Sotelino. Tras aprender, rir e desfrutar, a organización dará paso á parte máis ampla de repertorio musical: de 19,00 a 21,00 horas están programadas variadas actuacións musicais de diversos grupos de música tradicional, co obxectivo de impulsar a tradición e cultura galega entre todo o público. Par repoñer forzas a cita continúa cunha cea e, de seguido, cunha actuación do grupo tradicional Abóbriga ás 23,00 horas, os que despedirán a Frasca do Terrón de Castrelo do Val.

Máis alá do deporte, da música, dos talleres de baile e do desfrute, a Frasca do Terrón este ano contará con bar e pulpería durante todo o día. Dende a organización recordan que todas as actividades son gratuítas e que os interesados en participar no obradoiro de baile ou nas actuacións dos grupos tradicionais deberán inscribirse chamando ao concello a través do número 988 41 90 02. Unha cita para os amantes da cultura galega e para aqueles que queiran descubrila e desfrutar dunha foliada entre veciños. 

Te puede interesar