Provincia

Castrelo nomea a Raúl Fernández fillo predilecto

A súa muller, María Barreira, e o seu fillo recibiron a placa e diploma conmemorativo de mans do alcalde.
photo_camera A súa muller, María Barreira, e o seu fillo recibiron a placa e diploma conmemorativo de mans do alcalde.
O exalcalde e deputado autonómico faleceu en 2019 por unha enfermidade

Raúl Fernández, quen fora alcalde de Castrelo do Val polo partido socialista, así como deputado autonómico, falecía aos 64 anos durante o pasado 2019 a causa dunha enfermidade. 

Pouco mais dun ano despois, a Corporación local de Castrelo e a súa familia renderon homenaxe ao político quen, a título póstumo, foi nomeado fillo predilecto deste municipio -onte, nunha sesión plenaria- pola súa traxectoria política e o cariño que foi quen de acadar entre compañeiros de partido, pero tamén doutras formacións políticas. "Raúl foi un compañeiro leal, honesto, dialogante pero, sobre todo, unha persoa que xerou o consenso de quenes o coñeceron e refírense a el como unha boa persoa", declarou o actual alcalde de Castrelo, Vicente Gómez.

O expediente para tal recoñecemento foi instruído o pasado mes de febreiro pola tenente de alcalde, Mar Valle, e concitou o consenso unánime de toda a Corporación local, pero tamén incorporou adhesións de exalcaldes e alcaldes de toda a Comarca de Monterrei de distintos signos políticos pero que quixeron sumarse a esta sentida homenaxe a unha persoa "moi querida e recordada", aseguran dende o Concello de Castrelo do Val.

No pleno celebrado onte, a súa viúva, María Barreira, acompañada polo seu fillo e outros familiares, recibiu de mans do alcalde, Vicente Gómez, a placa e o diploma que acreditan a Raúl Fernández como Fillo Predilecto do municipio.

NOME AO COLEXIO

A homenaxe a Raúl Fernández non rematou co seu distintivo de fillo predilecto a título póstumo, senon que o colexio da localidade pasará a levar o seu nome, tal e como se publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado día 1 de decembro, cando a Consellería de Educación aceptou a proposta da Corporación local e do propio consello escolar para tal fin. "Este salón quedou pequeno, non só por mor da pandemia que nos impide ampliar o aforo, senón para acoller todas as persoas que expresaron o seu agarimo e convencemento de que este recoñecemento é pouco para o que el merecía", concluiu Gómez.

"Raúl foi un compañeiro leal, honesto e dialogante", asegurou o rexedor local, vicente gómez, durante o pleno.

Te puede interesar