O centro de día de Verín prepara actividades polo seu aniversario

solleira verin
photo_camera Algunhas das actividades que realizan.
Os maiores desfrutarán dunha saída ao Santuario dos Remedios, dunha visita á feira e de variados talleres

O centro de día de Verín, Solleira, cumpre o día 5 de abril catro anos de vida, polo que dende a dirección decidiron organizar actividades especiais para festexar o seu aniversario cos usuarios e familias.

O evento estrela será o mesmo día do seu aniversario, no que celebrarán unha xornada de encontro a partir das 16,00 horas amenizada coa actuación do acordeonista verinés Mirito Mateo “para compartirmos xuntas a celebración destes catro anos de coidados”, sinalan dende o centro, onde todos os asistentes tamén desfrutarán dunha merenda para confraternizar entre maiores e as súas familias.

Máis alá desa cita, Solleira organiza diversas actividades para os seus usuarios e así celebrar dunha maneira especial o seu percorrido. A primeira das iniciativas será o luns, 3 de abril, no que os usuarios poderán visitar a feira mensual de Verín -emprazada na Alameda e na Praza García Barbón-, ademais de sesión dobre de actividades: un taller de repostería de Pascua e a presentación do conto “De que trata o amor?”. 

Excursión

O día 4 de abril, os usuarios do centro poderán saír á Praza García Barbón para tomar un café, un xesto importante para eles. Pola tarde irán de excursión ata o santuario de Os Remedios, onde os maiores poderán desfrutar dunha merenda ao aire libre nun lugar moi simbólico para a comarca. 

Para rematar a celebración dos catro anos de vida do centro de día e dos seus coidados aos maiores, Solleira organiza pola mañá unha ruta de obstáculos na Alameda, para o envellecemento activo dos usuarios. Xa á tarde chegará o momento da festa estrela, na que brindarán por outros tantos anos atendendo aos maiores.

Te puede interesar