educación

Os centros escolares de Verín reciben un millón de euros

Todas as medidas para a eficiencia enerxética supoñerán un aforro do 22 por cento no consumo

Os colexios García Barbón e Princesa de España de Verín recibirán preto dun millón de euros ao longo deste ano de mans da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O obxectivo é que ambos centros poidan realizar múltiples melloras estruturais. 

A titular do departamento educativo do Goberno autonómico, Carmen Pomar, achegouse ata a capital de Monterrei e comprobou o avance da rehabilitación integral do CEIP Princesa de España, que contou cun orzamento de 760.847 euros. A actuación consiste no illamento da fachada do edificio principal e na substitución da cuberta dos dous edificios por unha nova de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado lacado con espuma de poliuretano. Asimesmo, contempla a colocación de illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta no edificio principal e sobre o falso teito da última planta no edificio do comedor, así como sobre o falso teito dos porches e patios exteriores dos dous edificios.

Entre as actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética, mudáronse as fiestras, colocáronse novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano e instaláronse novas luminarias con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos. Todas estas medidas supoñerán un aforro do 22,0 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 35,50 % en emisións de CO2.

A conselleira visitou tamén o IES García Barbón, onde o seu departamento vai instalar a biomasa, unha obra que conta cun orzamento de 195.181,35 euros. A actuación ten como obxectivo a reforma da instalación de calefacción, co fin de complementar o sistema de xeración de calor actual, que emprega gasóleo, con caldeiras que empregarán biomasa.

Te puede interesar