educación

O colexio de Castrelo terá un novo ximnasio interior

castrelo do val
photo_camera A delegada territorial, Marisol Díaz, -segunda pola dereita- achegouse a revisar estas obras.
A obra consistiu na adaptación e ampliación dun espazo en desuso 

O Colexio Plurilingüe de Castrelo do Val estrenará o vindeiro curso un novo espazo para a práctica deportiva grazas ás obras de adaptación dunha área en desuso. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional aproveitou o periodo non lectivo para acometer este ximnasio. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial de Educación, Luz Fernández, achegouse ata o centro educativo e comprobou, in situ, o desenvolvemento dos traballos. 

Díaz Mouteira explicou que esta obra se executa ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora -RAM- elaborado desde a Xefatura Territorial do departamento educativo e responde á necesidade do centro de contar cun espazo interior para  a realización de actividades físicas e de psicomotricidade dos nenos pequenos.

A obra consistiu na adaptación e ampliación dun espazo en desuso, que eran os antigos vestiarios do centro. Concretamente, elimináronse todos os tabiques de partición existentes e picouse o azulexo das paredes ampliándoo cara o exterior nuns 45 m2, e acadando unha superficie útil total de preto de 70 m2. Ademais, dotouse ao local con novos acabados de chan e paredes axeitados ao novo uso. Asimesmo, grazas a esta intervención darase resposta a unha necesidade demandada dende hai tempo por esta comunidade educativa. 

A delegada territorial salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas peticións. 

En Ourense, enmarcados dentro do programa RAM, durante este verán estanse a executar obras en centros de Primaria e de Secundaria de 21 concellos da provincia. Os proxectos previstos no RAM vense complementados coa execución doutros traballos de maior envergadura. A representante autonómica subliñou o compromiso do Goberno galego co benestar da comunidade escolar afirmando que "investir en equipamento é tamén investir en calidade".

A Consellería de Educación está a desenvolver un total de cinco obras de rehabilitación integral noutros tantos centros da provincia de Ourense ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de case 4,5 millóns de euros.

Te puede interesar