O colexio de Oímbra amplía os seus servizos de conciliación

cole oimbra
photo_camera Unha das aulas do colexio de Oímbra.
Este novo servizo é obra da Anpa do centro educativo

A partir do mes de febreiro, o CEIP de Oímbra contará cun novo servizo grazas ao traballo e a implicación da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) do centro educativo. Os máis cativos disporán dunha persoa para cambiarlles a roupa aos que o precisen.

“O colexio disporá dende febreiro e nos próximos cursos escolares dunha persoa que estará dispoñible durante o horario escolar para acudir a chamada do colexio para cambiar a roupa dos máis pequeniños que o precisen por roupa seca e limpa”, explican dende a asociación de nais e pais, os que recordan que este servizo só se aplicará a aqueles cativos que teñan a autorización dos pais.

É un novo servizo que facilita a conciliación laboral e persoal das familias do centro, que contan con outros servizos que ofrece o colexio rural. Entre eles atópase o servizo de madrugadores e, dende o mes de novembro, contan con actividades de conciliación familiar á saída da escola. 

“Grazas ao Plan Corresponsables da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta, o colexio conta con talleres para nenos de 3 a 12 anos”, explican dende a Anpa. Entre as actividades atópanse obradoiros de igualdade, viveiros de bo trato, apoio escolar, iniciación á lectura, informática, inglés, patinaxe, multideporte, teatro, ludoteca e outras moitas máis actividades. 

Te puede interesar