Comercio local

Os comerciantes verineses lanzan unha campaña solidaria

aever2
photo_camera Santos Álvarez, José Ángel Rodicio e Alba Vázquez, de Aever, durante a presentación.
Os establecementos asociados de Aever recollerán alimentos para persoas e para Pro Animais Verín

A Asociación de Empresarios e Comerciantes de Verín (Aever) vén de sumarse á ola de solidariedade promovida pola crise do covid-19. Para este motivo, procuran a implicación de toda a veciñanza, pois pretenden recoller nos establecementos da vila alimentos de primeira necesidade para aqueles colectivos máis vulnerables, así coma para os animais amparados baixo a protectora Pro Animais Verín que, sen posibilidade de celebrar os seus tradicionais mercadiños solidarios que axudan a financiar a súa actividade, atravesa momentos moi complexos. 

Concretamente, e segundo informaron dende Aever, a poboación de toda a comarca de Monterrei poderá aportar o seu grao de area nesta iniciativa mercando e doando produtos básicos nos comercios do sector de alimentación da asociación. Búscase facilitar que a clientela poida doar directamente no comercio que, a través da asociación, enviará os produtos entregados ás entidades sociais que están en contacto directo coas persoas que resultarán beneficiadas. 

Apoio a Pro Animais Verín

Dende Aever destacaron especialmente o labor das persoas voluntarias que agasallan o seu tempo e recursos ao coidado dos animais abandonados. Por este motivo, unha parte da campaña irá destinada a axudar a Pro Animais Verín, pois "tamén viron afectada a súa actividade nos últimos meses debido á imposibilidade de participar en eventos públicos que lles permitían ter ingresos para manter a actividade". Os establecementos asociados a Aever que venden comida para cans e gatos -fundamentalmente veterinarias, tendas de agroalimentaria e ferreterías- terán a disposición da clientela un espazo onde doar alimentos para os cans e gatos de Pro Animais Verín. Segundo subliñaron dende a asociación de comerciantes, xa se sumaron á iniciativa unha vintena de establecementos. A campaña xa se iniciou cunha doazón feita polos propios locais que queren contribuir a superar os efectos do parón pola pandemia.

Por outra banda, as entidades sociais Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Federación de Mulleres Rurais de Ourense farán a entrega dos alimentos ás persoas beneficiarias a través dos protocolos de desenvolvemento dos programas de emerxencia social, "con total privacidade e profesionalidade", segundo engadiron dende Aever.

Te puede interesar