comercio

O comercio verinés abrirá un sábado ao mes pola tarde

comerciantes verin
photo_camera Os comerciantes agardan unha boa resposta, por parte da poboación, a esta nova medida (ÓSCAR PINAL).

Máis de 40 locais uniranse a esta iniciativa que comezará este sábado coa campaña do Día da Nai

Preto de medio centenar de locais comerciais, pertencentes á asociación Aever, abrirán as súas portas este sábado en horario de tarde. Os profesionais do sector sumaranse deste xeito aos que xa adoptaron esta medida hai tempo. 

Esta iniciativa coincidirá coa campaña do Día da Nai na vila, na que tamén se procurou concienciar á cidadanía da importancia de respaldar ao pequeno comercio. Tal e como aseguraron dende a Asociación de Empresarios de Verín, a experiencia de campañas de sensibilización anteriores é "moi positiva", xa que a xente da comarca "identifícase co comercio local cada vez máis e este tipo de actividades en favor dun sector cercano teñen unha boa acollida". A campaña apela a que calquera pequeno xesto, incluso un regalo polo Día da Nai, mercado no comercio local, axuda á sustentabilidade da actividade principal da vila. 

Esta tarde, ademais, darase o pistoletazo de saída a unha nova maneira de entender o comercio da vila. Ata o momento actual, eran uns poucos os comerciantes -principalmente do sector da moda- que abrían os sábados pola tarde pero, a partir de hoxe e cada primeiro sábado do mes, máis de 40 establecementos abrirán as súas portas nesa franxa horaria. 

Dende Aever aseguran que a decisión foi tomada en asemblea tras moitas conversas, xa que esta medida suporá "un gran esforzo persoal e familiar". Os comerciantes verineses agardan unha boa acollida por parte da poboación e tamén que se sumen máis locais.

Te puede interesar