URBANISMO

O Concello derruba a vella casa da óptica da rúa Lisa

OPTICAVERIN_result
photo_camera Imaxe dos momentos posteriores á caída do edificio, de onte pola tarde.

A actuación forma parte das medidas de seguridade de cara ó Entroido

A vella óptica da rúa Lisa é xa historia dende o día de onte, no que se consumou o derrubamento da mesma logo de que o consistorio local indemnizase ao propietario e inquilino da mesma en virtude dun anterior convenio. 

E é que o Concello vén de poñer en práctica unha batería de medidas destinadas a dar cumprimento ás demandas dos axentes de seguridade para garantir a integridade das persoas durante as multitudinarias celebracións do Entroido. Concretamente, como fora exposto a raíz da reunión da Xunta Local de Seguridade do pasado 19 de xaneiro preparatoria deste evento, é necesario permitir o acceso sen atrancos de vehículos de bombeiros á Praza Maior pola rúa Lisa, así como evitar posibles derrubes dos edificios ruinosos que aínda existen no centro neurálxico das celebracións nas que van a participar milleiros de persoas. 

Segundo as solicitudes técnicas trasladadas ó alcalde desde a Protección Civil de Verín, a máxima prioridade operativa para mellorar o Plan de Evacuación, e poder garantir a entrada de vehículos de emerxencia e a saída de persoas da Praza Maior, pasaba por eliminar o estreitamento provocado pola aliñación invasiva da calzada da antiga óptica na rúa Lisa. 

Ante a previsible aglomeración multitudinaria prevista para estas datas, e estando xa aprobada a Modificación Puntual do PXOM que fixa a posterior ordenación daquela parcela, o Concello procedeu a derrubar a antiga óptica para garantir a seguridade física de veciños e visitantes, execución que muda por completo o aspecto desa rúa.

Do mesmo xeito, o Concello ordenou acometer un paquete de medidas urxentes para acondicionar o espazo central do Entroido que constitúe a praza Maior, así como os seus accesos dende todas as direccións do Casco Vello, medidas deseñadas fundamentalmente dende o prisma do incremento da seguridade.

Te puede interesar