Monterrei

Concello e Portas Abertas únense a prol da reciclaxe

201119_paneisa_informativos_puntos_limpos_3 (1)_resultado
photo_camera Os novos carteis cumpren cunha labor informativa e tamén de concienciación.

Instalaron carteis informativos nos 16 puntos limpos da vila de Verín

O Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, en colaboración co Concello de Verín, acaba de desenvolver unha acción a prol da concienciación sobre a importancia de preservar e coidar o medioambiente mediante a reciclaxe. 

A acción consistiu na instalación, nos 16 puntos limpos repartidos pola vila do Támega, de paneis informativos sobre que elementos se poden reciclar e que colector sería o indicado para facelo. Trátase dun plan enmarcado dentro do programa de "Voluntariado Ambiental" que levan adiante ambas entidades nos últimos anos. "O importante é que a xente se involucre no coidado do medio ambiente cun simple pero fundamental acto de separación de residuos. Os dezaseis puntos limpos implementados ata hoxe polo grupo de goberno cambiaron radicalmente a imaxe de Verín. Aínda así é preciso que a cidadanía se conciencie e separe como é debido o lixo para conseguir diminuír o máximo posible o impacto ecolóxico derivado da propia xeración de residuos urbana", explicou a concelleira de Desenvolvemento Rural e Medio Ambiente, Purificación Caldelas.

Pola súa banda, dende o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, destacaron que esta iniciativa busca conseguir que Verín sexa, coa colaboración de todos os cidadáns, "un referente na xestión de residuos, contribuíndo así ao coidado e preservación do medio ambiente". 

Os paneis instalados indican os residuos que se poden deixar en cada colector e cales non. É o caso do iglú verde, onde se deben depositar botellas de vidro, tarros de alimentos e frascos; do colector azul, lugar destinado aos residuos de papel e cartón e, por último, o colector amarelo, para deixar envases metálicos, de tipo brik, e os de plástico. 

O Concello anima a reducir residuos, reciclar e reutilizar.

Te puede interesar