O Concello de Verín aumenta a achega económica a Protección Civil

210308 FIRMA CONVENIO PCIVIL
photo_camera Manuel Alfonso e Gerardo Seoane na reunión.
A Agrupación de Voluntarios aumentou nun 60 por cento o número de operativos no 2020

Gerardo Seoane, alcalde de Verín, e Manuel Alfonso, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas entidades para o mantemento da operatividade e presentación de servizos da agrupación.

Na cita, Alfonso entregou a memoria anual das actividades realizadas polos voluntarios durante o 2020, no que se aumentou nun 60 por cento o número de operativos con respecto ao ano anterior.

Das intervencións, o 70 por cento estiveron relacionadas coa pandemia -repartición de alimentos, colaboración nos cribados masivos, entrega de material escolar e desinfección de vehículos-, ademais da súa participación na extinción de incendios ou intervencións de apoio en situacións de emerxencia. 

O presidente de Protección Civil asegurou que "os voluntarios estiveron e seguen estando ao pé do canón", engadindo que "é un traballo duro, pero o agradecemento que nos mostra a xente é o que nos axuda a seguir adiante co noso labor".

Pola súa banda, Seoane quixo agradecer "o labor totalmente desinteresado e altruísta que os voluntarios veñen prestando en beneficio de todos os verineses", destacando o seu papel na pandemia. Así o alcalde anunciou tamén o incremento da achega económica municipal a devandita agrupación nun 20 por cento.

Neste convenio regularanse as bases de colaboración entre o Concello e Protección Civil destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, tendo como fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia.

Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade de agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender as demandas de servizo das Administracións Públicas. 

Así, a sinatura de dito convenio regula estas actuacións e aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xuridico das entidades locais, e podendo o Concello -na medida en que o permitan os recursos orzamentarios- subvencionar economicamente ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños. 

Te puede interesar