O Concello de Verín decide suspender o Entroido do 2021

Esta imaxe coa plaza chea de xente non será posible este ano en Verín.
photo_camera Esta imaxe coa plaza chea de xente non será posible este ano en Verín.
O grupo de goberno esgrime que o fai por responsabilidade ante a situación sanitaria actual

O Concello de Verín decidiu non programar ningún tipo de actividade para o Entroido 2021 debido á actual situación sanitaria provocada polo coronavirus. Emilia Somoza, concelleira da área de Educación, Cultura e Festexos, asegura que "desde o Concello de Verín temos a responsabilidade social de poñer todo o que estea da nosa parte para evitar potenciar calquera tipo de evento multitudinario como o Entroido, que poida provocar aglomeracións de xente que poñan en perigo a saúde pública". 

Esta decisión adóptase por causa de forza maior, como acto de responsabilidade e, como aseguran dende o Concello de Verín, pensando na saúde e na seguridade das persoas.

Tradición

A concelleira de Cultura tamén quixo lembrar que a esencia do Entroido de Verín é a celebración na rúa, dunha maneira libre e sen restricións. "Cremos que coa actual situación sanitaria ninguén entendería que Verín celebrase un Entroido no que a xente non puidese gozar libremente da festa nas súas rúas e da particular anarquía que caracteriza a estes tradicionais festexos", engade Somoza.

Dende o Concello de Verín queren facer un chamamento ós veciños para que actúen con responsabilidade individual e que respecten en todo momento as medidas de prevención vixentes pola Xunta de Galicia. Con esta suspensión complétase a cancelación do Triángulo Máxico do Entroido ourensán, posto que, ademáis de Verín, Xinzo e Laza xa anunciaran que este 2021 non se celebraría ningún acto festivo. A estas cancelacións súmase a anunciada o pasado luns polo Concello de Ourese, onde tamén se acordou suspender as celebracións de Entroido debido a covid-19.

Con estas suspensións de actividades, o Entroido verinense -un dos de referencia na provincia- terá que esperar ó vindeiro ano 

A pesar de que unha celebración do Entroido entre multitudes, música e máscaras non será posible, na vila non perden os ánimos. Dende comezos do ano, todos os venres a última hora da tarde escóitase polas rúas de Verín o son das chocas. Os cigarróns -figura principal do Entroido verinense- teñen por tradición saír a entrenar coas chocas e coa zamarra os meses previos a Entroido. 

Aínda que este ano non será posible pór o traxe, estes entroideiros seguen facendo ruído para recordar que a pandemia non acabará co sentimento dos verinenses. 

Te puede interesar