A contaminación preocupa aos estudantes verinenses

A sesion plenaria desenvolveuse no Auditorio Municipal de Verín.
photo_camera A sesion plenaria desenvolveuse no Auditorio Municipal de Verín.
O pleno infantil xirou en torno ao cambio climático e aos microplásticos

O Auditorio Municipal de Verín foi testigo, un ano máis, do tradicional pleno infantil que se celebra a estas alturas do calendario co obxectivo de coñecer as inquedanzas dos máis pequenos da vila e de achegarlles, ao mesmo tempo, nocións sobre o funcionamento do Concello e dos plenos municipais. 

Máis de 150 alumnos de sexto de Primaria e de primeiro e segundo de ESO dos centros educativos de Verín Amaro Refojo, María Inmaculada, Mercedarios e Princesa de España, participaron nesta iniciativa que contou coa presenza do alcalde en funcións e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo, así como das concelleiras de Cultura, Educación e Festexos, Emilia Somoza; de Recursos Humanos e Réxime Interior, Rosario Rodríguez, e de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago. 

O pleno infantil deste ano centrouse no medio ambiente, no cambio climático e na transición ecolóxica, afondando en importantes temas como o quecemento e desxeo global, a problemática dos microplásticos ou a importancia das zonas verdes urbanas. 

Os cativos verineses quixeron aproveitar a presenza dos edís locais para achegarlles varias propostas como a creación dun parque multiaventura, o fomento dunha educación que promova a concienciación ecolóxica e implantación de sistemas de máquinas de reciclaxe remunerado de envases. 

Diego Lourenzo quixo recordar que esta sesión plenaria foi concebida polo Concello e os centros educativos coa finalidade de "fomentar" os valores de convivencia, tolerancia, respecto e non violencia entre os máis pequenos.

Te puede interesar