Todo listo para o certame de poesía e relato de Verín

photo_camera Emilia Somozoa, edil de Cultura, fala sobre o certame.
Os premios das dúas modalidades entréganse o Día das Letras Galegas

O Concello de Verín convoca, un ano máis, o certame de poesía Xosé Carlos Caneiro e de relato curto Antonio Fernández. Un concurso que leva en pé dende o 1994 e que busca fomentar a creatividade literaria das persoas que estudan nos centros de ensino da comarca. 

Este ano, como novidade, dende o Concello animan aos consistorios da comarca a que falen cos centros educativos dos seus territorios para sumarse á cita. “Para fomentar a participación en todos os centros estamos intentando falar con outros concellos e que, dalgunha maneira, participen nisto”, explica Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín. ”O certame está consolidado na vila e resolverase o Día das Letras Galegas, data na que sempre organizamos un acto no que se len os traballos premiados, e quen queira participar ten as bases na nosa web”, engade.

Poderán participar no concurso persoas matriculadas en 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de Educación Secundaria, e 3º e 4º de Secundaria -son as tres categorías- de calquera dos centros da comarca. Tanto as poesías como os relatos deben ser orixinais e inéditos, de tema e estilo libre, escritos en galego e presentaranse firmados con pseudónimo. A fase de preselección realizarase segundo o criterio de cada centro participante, que poderá enviar un máximo de tres traballos de cada modalidade e en cada unha das tres categorías. Os poemas non superarán os 24 versos e os relatos os 2.800 caracteres. 

O xurado cualificador estará composto por persoas con dereito a voz e voto, propostas pola Concellería de Cultura, e por un secretario que representará á organización. Todas as persoas autoras dos traballos finalistas recibirán un diploma e un lote de libros, mentres que o primeiro gañador recibirá unha compensación económica de 90 euros; o segundo, de 60 euros, e o terceiro, de 30 euros.

Ademais, para incentivar á lectura e escrita en galego, a cada centro que entregue tres traballos entregaráselle un bono para adquirir libros por importe de 60 euros en cada un dos niveis.

Te puede interesar