Críticas ao "oscurantismo" do Goberno de Vilardevós

A oposición critica que as páxinas web oficiais do Concello están sen actualizar dende o ano pasado

O xeito de tratar a información e a falta, según os socialistas de Vilardevós, de transparencia por parte do Goberno local que lidera o "popular" Manuel Cardoso vén de provocar as críticas por parte da oposición, que acusou ao PP de "oscurantismo" e criticou o feito de que as páxinas web oficiais do Concello leven dende o pasado ano sen actualizar. "Non cumpren cos requisitos obrigatorios no campo da transparencia" pois "non se colgan na páxina web municipal as actas nin os plenos, e non se actualiza a información do concello, que tal e como se pode comprobar ao acceder o sitio 'online', leva máis dun ano sen actualizarse con novidades", lamentaron dende o Grupo Municipal Socialista. 

“Din o que lles parece"

O rexedor de Vilardevós, Manuel Cardoso, negou que exista ningún oscurantismo na xestión local e lamentou a actitude do PSOE: "Din o que lles parece. Aquí oscurantismo nada, informamos a toda a xente". Sobre a falta de actividade na web municipal engadiu que "está operativa pero non está ao 100 por 100 porque se está actualizando. Faltan uns retoques".

Pola súa banda, o portavoz da formación socialista en Vilardevós, Julio Prada, insistiu en que "entrar no Concello de Vilardevós é como entrar nunha habitación a cegas". Do mesmo xeito, lamentou que "na era dixital e das novas tecnoloxías, o Concello de Vilardevós atópase no período neandertal" e fixo referencia "á desconexión total coa poboación, os emigrantes e os seus fillos", sinalando que "é moi triste que a xente de Vilardevós e a que está fora non teñan forma de ter contacto directo co seu concello".

Te puede interesar