MONTERREI

Cualedro engalana o seu castro da Saceda para facelo referente turístico

No mes de outubro está previsto que se instalen os paneis informativos 

O Concello de Cualedro está a ultimar unhas das actuacións máis ambiciosas de recuperación de seu patrimonio cultural e arqueolóxico. Nas últimas semanas, o poboado fortificado da Idade do Ferro, declarado Ben de Interese Cultural polo Decreto 58/2011, está sendo motivo de intervención por parte dunha equipa técnica especialista que traballa na musealización do monumento co único propósito de facelo moito máis accesible e didáctico. Durante os últimos anos realizáronse varias actuacións menores no conxunto, encamiñadas á limpeza e precisa escavación arqueolóxica. Na actualidade, os traballos que arestora se están levando a cabo teñen outro fin moito máis ambicioso, que non é outro que preparar o castro para os seus potenciais visitantes e presentar a súa candidatura para optar aos fondos do 1% cultural do Ministerio de Fomento. Así, no vindeiro mes de outubro, instalaranse os paneis informativos e antes de que remate este 2018 o Castro da Saceda "presentará o aspecto que merece un dos lugares máis espectaculares da provincia", di o alcalde do municipio, Luciano Rivero.

"O Castro da Saceda é coñecido dende hai tempo. Foi precisamente un veciño do noso concello, Antonio Rodríguez Colmenero, quen o descubriu na década dos oitenta e xa vén sendo hora de que esta verdadeira xoia fose musealizada para que calquera visitante poidera descubrila de xeito ameno e didáctico". O rexedor de Cualedro engadiu que de conseguiren os fondos do 1% cultural "poderanse facer máis actuacións no monumento como acondicionar a súa contorna e os accesos", rematou o alcalde Rivero Cuquejo.

Te puede interesar