Rural

Cualedro integrou 1.910 fincas na zona de San Millao

photo_camera A entrega dos títulos realizouse no salón de plenos de Cualedro.
Acaba de concluir o proceso de reorganización de terras que afectou a 625 hectáreas e 322 veciños

A Consellería de Medio Rural deu por concluido un novo proceso de concentración parcelaria, nesta ocasión, no concello de Cualedro. Por este motivo, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, achegouse ata o municipio cualedrés para facer entrega ao rexedor local, Luciano Rivero, dos títulos que acreditan a reorganización de terreos no termo rural de San Millao. 

Os traballos afectaron, tal e como puntualizaron dende a Consellería, a 652 hectáreas propiedade de 322 veciños da contorna. Máis polo miúdo, este proceso de reestruturación parcelaria permitiu ampliar a superficie media das parcelas en máis dun 400 por cento, pasando de 632 a 3.272 metros cadrados por predio. Desta forma, o número de fincas diminuiu ao reorganizar 9.876 predios que había ao comezo do proceso en 1.910 parcelas.

O obxectivo desta actuación non é outro que, tal e como informaron dende o Goberno galego, mellorar a base territorial das explotacións da zona ao dotalas de parcelas máis grandes para traballar nelas. Este feito derivará nunha diminución dos custos de produción das propias granxas. Pérez Dubois engadiu que este tipo de intervencións son fundamentais para paliar o minifundismo da Comunidade Galega e favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Reestructuracións similares á de Cualedro seguiranse impulsando coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual para culminar un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Por mor da crise sanitaria, a entrega de títulos realizouse desta forma. O obxectivo foi evitar aglomeracións de xente, tendo en conta a situación actual. Neste senso, as persoas beneficiadas por esta reestruturación poderán recoller os seus títulos cando así o comunique o Goberno local. Ao longo deste 2020, a Consellería fará entrega de máis de 20.200 títulos de concentración parcelaria a preto de 9.200 veciños beneficiados por 20 procesos.

Te puede interesar