ANIVERSARIO

A denominación de orixe Monterrei festexa os seus 25 anos mirando cara o futuro

No acto, que tivo lugar no castelo, foron recoñecidos os méritos de Bodega Ladairo, Juan Ramón Fuentes y Felisindo Prieto

O castelo de Monterrei vestiuse na noite de onte de gala para festexar o cuarto de século de historia de denominación vitivinícola de orixe da comarca. Máis de 250 persoas entre adegueiros, viticultores e profesionais do sector déronse cita para festexar os vintecinco anos dunha andaina que converteu á denominación máis xoven da comunidade autónoma nunha das que máis medra en exportacións.

E fixérono nun acto que tamén serviu para dar comezo a unha nova etapa na que a D.O. quere apostar pola profesionalización, a formación e a innovación, pero sobre todo, "facelo pola terra e pola xente que a traballa na busca e a defensa da máxima calidade para os seus viños". Así o deixou de manifesto a presidenta da Consello Regulador, Lara Da Silva, quen fixo tamén fincapé na súa intervención na necesidade de traballar xuntos para acadar eses obxectivos.

A gala estivo conducida pola presentadora lucense Silvia Jato, quen ao longo da noite foi dando paso a varios vídeos elaborados para a ocasión nos que se percorreron o presente, pasado e futuro da denominación de orixe, nada oficialmente en 1993 aínda que con máis de dous mil anos de historia, tal e como o poñen de manifesto os lagares rupestres tan abundantes por todo o territorio de Monterrei.

A referencia a estes lagares e a súa potencialidade para se converter en destino turístico de interior tamén foron elementos que estiveron presentes no evento de onte, no que participou a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, a deputada provincial Ana María Villarino, así como os alcaldes dos concellos nos que se estende a D.O. Monterrei, entre outras autoridades de relevancia.


Merecida homenaxe


O acto tamén serviu ao Consello Regulador para lle render unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un técnico que representan o conxunto do sector que leva traballando desde o comezo para a posta en valor do viño de Monterrei. Os homenaxeados foron o catador Juan Ramón Fuentes Lorenzo, o viticultor Felisindo Prieto Arcos e a Adega Ladairo. Fuentes é membro do Panel Oficial de Cata do Consello Regulador desde a súa creación, hai 25 anos, medrando como profesional ao tempo que medraba a calidade e recoñecemento dos viños de Monterrei.

Logo do acto protocolario chegou o momento do ágape e da degustación dos viños que neste ano alcanzan os 25 anos baixo o paraugas da denominación.

Te puede interesar