música

Cinco días de portas abertas no Conservatorio de Música de Verín

o prazo para optar a realización da proba de acceso ao centro estará aberto até o vindeiro 15 de xuño

O departamento de Cultura do Concello de Verín vén de anunciar que a vindeira semana o conservatorio elemental de música da vila abrirá as súas portas entre o luns e o sábado para que todos aqueles interesados poidan coñecer de primeira man a oferta formativa da casa da música ubicada, agora, no centro de artes escénicas. Así, segundo se comunicou, a institución académica celebrará, desde o luns día 5 ata o sábado día 10 de xuño –ambos os dous incluídos-, unhas “Xornadas de Portas Abertas”. A finalidade principal desta iniciativa é a de dar a coñecer as diferentes especialidades que se imparten (clarinete, frauta travesa, guitarra, piano, saxofón, trompeta, viola e violín) a todas as persoas interesadas en estudar no centro.

Nas portas de cada aula estarán os horarios para que a persoa interesada coñeza como se imparte cada unha das disciplinas instrumentais saiba que días e a que horas poderá asistir libremente a unha das clases que se celebrarán durante a semana. Ademais, informaráselle sobre o plan de estudos de cada especialidade instrumental, os contidos das probas de acceso ao centro e o nivel requirido para as mesmas. 

Para comezar estudos oficiais é imprescindible que as persoas teñan actualmente de 8 a 14 anos. Tamén, que fagan unha proba de acceso, para a que está aberto o prazo até o día 15 de xuño. O alumnado oficial de música recibe semanalmente catro horas de formación. Tres horas son de disciplinas comúns, nas que o alumnado participa en clases colectivas de Linguaxe Musical (dúas sesións semanais de 1 hora de duración) e Educación Auditiva e Vocal (unha sesión de 1 hora). Unha hora é de formación instrumental, nunha clase individual na que a persoa matriculada aprende ensinado por un titulado superior.

Te puede interesar