OCIO

Doce mil persoas participaron nas actividades do Nadal verinense

A actividade que rexistrou maior participación foi a pista de xeo,  pola que pasaron 4.067 patinadores

O primeiro balance da participación directa nas actividades do recente Programa de Nadal organizado polo Concello de Verín  non pode ser máis satisfactorio para o Goberno local.

Preto de 12.000 persoas participaron de xeito directo nas actividades lúdicas destas celebracións, destacando cuantitativamente os asistentes á pista de xeo da praza Maior, 4.067, e cualitativamente, pola novidade, os cheos absolutos dos espectáculos do Auditorio, como a representación de “La Bella y la Bestia” e as restantes actuacións teatrais e musicais.

Estas cifras fan afirmar ó tenente de alcalde, Diego Lourenzo, que “este Nadal nos consolidou como a capital cultural do sur de Galicia, xa que poidemos constantar que veu xente dende o norte de Castela, dende Portugal e dende toda a provincia de Ourense para desfrutar da nosa programación”.

Cuantitativamente, a actividade que rexistrou maior participación foi a pista de xeo, instalada na praza Maior, pola que pasaron 4.067 patinadores, e que é saudada dende Aever como “unha eficacísima ferramenta de dinamización do comercio e a hostelería local, que temos que agradecer ó Concello”, din dende a organización.

A seguinte actividade por número de participantes foi a Cabalgata de Reis, con 3.500 seguidores, e despois os sucesivos cheos do Auditorio verinense.

Te puede interesar