DOCUMENTAL

Un documental repasará as historias da Raia Seca

acubillo_result
photo_camera Límite fronteirizo entre España e Portugal, próximo a Cambedo e acubillo de guerrilleiros.

Presentarase o vindeiro sábado día 8 no auditorio municipal de Verín

O próximo sábado día 8 de setembro, ás 20,00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a presentación do proxecto audiovisual independente "A Memoria da Raia", traballo de Iris Justo Rodríguez e Miriam González Francisco que investiga as particularidades culturais, económicas e políticas na fronteira galego-portuguesa.

A memoria da Raia comezou a súa andadura no verán do ano 2016 mediante a colaboración de Iris Justo Rodríguez e Miriam González Francisco. Foi en Verín onde primeiro se mostrou ao público parte do proxecto mediante unha exposición fotográfica nos pasados meses de abril e maio.

O proxecto divídese en tres partes, a peza audiovisual, unha nova e máis completa exposición fotográfica e unha revista monográfica deseñada por Andrea Justo Pérez onde se recollerá moita da información que non pode ser incluída no documental debido ao formato cinematográfico. O período temporal escollido foi a partir do inicio da Guerra Civil Española. A premisa da que parte este proxecto é a unidade cultural dos territorios que constitúen a Raia Seca a pesares de ter sido divididos históricamente a través da fronteira entre Galicia e Portugal.

Os grandes acontecementos que se sucederon no Estado Español e Portugués tiveron a súa versión particular nesta zona, é aquí onde radica a importancia de documentala. A idea é indagar sobre a historia particular da Raia mediante testemuñas persoais acompañadas investigacións académicas de persoeiros como Xerardo Dasairas e Paula Godinho entre outros. A historia testemuñal dos protagonistas estará tamén enriquecida cos textos de escritores raianos como Ferreira de Castro, Silvio Santiago (Vilardevós), Bento da Cruz (Montalegre) e Antonio Fernández (Rabal).

Te puede interesar