TRIBUNA

Eduardo Moure Conde, un actor da revolución cubana que descende de Laza

A emigración a América, fundamentalmente de man de obra, xerou talentos. O Éxodo, libro bíblico, trata da saída do pobo israelita de Exipto para liberarse da escravitude. A peregrinación do pobo hebreo, sen patria ata 1968, vén escatalóxicamente determinada pola finalidade salvífica dun pobo libre, escollido por Deus, que se pon en marcha hacia a cidade futura e permanente, un éxodo, xa que logo, triunfal. Aínda que a chegada do Mesías prometido faise esperar, o certo é que, se ben expulsados de prácticamente tódolos territorios en que se asentaron, os xudeus atesouran por todo o mundo un importante éxito económico e un forte poderío político.

Pola contra, o pobo galego, con patria e terra de seu, sofre o estigma de andar dende tempo inmemorial emigrado, acaso errante, polo mundo adiante. Fronte o percorrido triunfal dáquel, o deste foi visto coma drámatico.

A causa da emigración dos galegos non obedece dende logo a providencia ou designio divino nin reside nun espírito aventureiro que moitos erróneamente lle achacan; é subsatancialmente económica. Como afirma Luis Moure-Mariño  en “Temas gallegos”: En Galicia, la pobreza ha sido la causa determinante de la emigración y, a su vez, la misma emigración se ha encargado de mantener nuestra pobreza (Colección Autores Gallegos-La Voz de Galicia). Isto último, é ben matizalo, non foi tanto por culpa dos emigrantes coma das entidades financeiras, sinaladamente Caixa Ourense e Caixa Galicia, antes e despois da fusión, que canlearon as remesas de divisas cara outros territorios.

Efectivamente, a escaseza de recursos foi a causa que básicamente determinou o éxodo dos galegos, fose estacional (para as segas en Castela, Extremadura, etc.), fose con carácter prolongado cara Sudámerica ou, en pequena medida cara EEUU ou Canadá primeiramente e logo, xa na segunda mitade do século pasado, en dirección a Europa e incluso dende alí cara Australia. Xunto a estas saídas que, en canto libres, podemos considerar voluntarias, houbo un éxodo forzoso xerado polas levas dos mozos para as distintas contendas bélicas. Laza, coma calquera concello de Galicia, aportou homes dámbolos dous xeitos. Xosé Alonso Obregón, na súa novela costumista intitulada Na miña aldea, na que describe ambientes e aspectos típicos desta bisbarra, relata os amores, con tintes de romanticismo, entre Sindo e Sinda. Sindo participou na guerra de Cuba. Regresou por mor de ser ferido e morreu axiña, sen tempo de formalizar, sequera o noviazgo, coa súa amada.

Malia a fertilidade do val do Támega, por mor de saír da pobreza, foron moitos os lacenses que antes da década de 1960 cruzaron os mares na procura de mellor fortuna. Que fixeran a américa coñecense poucos. A maioria subsistituíu como puido e moitos acadaron a suficiencia cando, cumpridos os 65 anos, por estaren afiliados antes de partir ó Retiro Obrero ou teren cotizado cinco anos ó Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI), lucraron a correspondente pensión da Seguridade Social española.

Entre os lacenses que emprenderon a marcha para Cuba figura Juan Conde Salgado,  onde morou e traballou algúns anos, ó que, antes do retorno, seguiron as súas fillas Manuela e Rocío Conde Queija.  Ámbalas dúas ficaron e finaron alá. Rocío, solteira, trala revolución castrista puido retornar, pero negouse porque confiaba en que o novo réxime cumpriría a promesa de devolverlle a pequena gasolineira que lle confiscara e que lograra adquirir cos aforros do seu duro traballo de serventa, pois non era nin terratenente nin posuía riqueza. Finou esperando.

Manuela casou na Habana con Antonio Moure, natural dun concello de Lugo. Tiveron dous fillos: Rosa e Eduardo. Éste naceu na Habana o 4 de xullo de 1932 e morreu o 14 de xaneiro de 2006 nas Vegas en Nevada (EEUU).

Rosa saiu de Cuba en 1960. A Eduardo colleuno a Revolución e nun primeiro momento foi adicto, emporiso o novo réxime desilusionouno  axiña e decidiu solicitar o abandono do país. Dende entón foi obrigado a cortar caña e outros traballos, entre eles, barrer o parque Lenin. Asi estivo catro anos ata que, finalmente, autorizárono coa súa familia a saír para España, lugar  que pensaba utilizar coma ponte para Estados Unidos. Era 1972. Ó parecer, por mor dunha denuncia que o acusaba de ser un axente castrista (daquela efectivamente infiltrárase en España  alguna célula clandestina para propagar as bondades do comunismo), a Embaixada americana demorou dous anos o visado. Durante ese tempo a familia Moure subsistiu en Madrid gracias ás vendas das terras que a tía Rocío posuía en Laza. Nunha ocasión acudiu ao Entroido, contando que nos primeiros anos do castrismo, protagonizou, se non lembro mal,  a película El Revolucionario facendo o papel do Comandante.

Eduardo Moure Conde, aparte de ser un amante da ópera, reuniu a doble condición de actor de teatro e de cine. Juan Cueto-Roig remarca a súa participación nas seguintes.

Obras cinematógraficas

"Historias de la Revolución" (1960), dirixida por Tomás Gutiérrez Alea.  "Elena" (1964), por Fernando Villaverde. "Lucía" (1968), por Humberto Solás. Sen dúbida a máis importante, na que inerpreta o mozo que namora á protagonista para atopar o paradoiro de seu irmán, un mambí da guerra da independencia.  "La ausencia" (1968), por Alberto Roldán.

En teatro, inicia a súa andadura en 1955 con "Calígula", de Albert Camus e, entre outras, actuou en "Delito en la isla de las cabras" (1956), de Ugo Betti.

"Le feu qui reprend mal (O lume mal apurado)" (1957), de Jean J. Bernard. "Los condenados" (19958), de José Suárez Carreño. "Santa Juana de América" (1960), de Andrés Lizárraga. "La madre" (1962), Máximo Gorki. "Y nos dijeron que éramos inmortales" (1963), de Osvaldo Dragún. "Romeo y Julieta" (1964), de William Shakespeare. "Un tranvía llamado deseo" (1965), de Tennessee Williams. 

J. Manuel Valdés, comentando esta última obra, atestigua: Eduardo Moure consigue el mejor Stanley Kovalski hecho en Cuba, bueno en cualquier latitud teatral. El gesto, el ademán, las poses y movimientos dan el personaje íntegramente.

Humberto Arenal, en la de Santa Juana de América, escribe En Manuel Asensio Padilla ha encontrado Moure su personaje….La sinceridad de este actor es conmovedora. En vez de perderse en gestos inútiles, en piruetas teatraloides, va buscando la verdad interior, la verdad que se regatea, pero que cuando llega, tiene más fuerza que cien gestos vacíos.

Afortunadamente o transcurso da historia desmintiu a autores coma Enrique Gil Carrasco, do Bierzo, que no século XIX describía a emigración galega coma proveedora de mozos de cordel, de almacén ou de outros oficios todos eles con tintes de penosidade. Hoxe, aínda que por obrigada, non é nin agradable nin de gabanza, parten universitarios e xente cunha boa formación. Pero os que sairon antes, que non a tiñan, transmitiron o seu talento con fillos coma Moure Conde.

Te puede interesar