MONTERREI

A educación vial chega aos colexios verinenses

O Club BTT promoverá unhas xornadas para cativos durante o mes de xuño

As primeiras xornadas sobre Educación vial da vila de Verín celebraranse os vindeiros días 6, 7, 10 e 11 de xuño. Trátase dunha iniciativa promovida polo Club BTT Verín, en colaboración co Concello de Verín, a Dirección Xeral de Tráfico, a Garda Civil, os voluntarios de Protección Civil, Cruz Vermella, Bombeiros e Bicicletas Matías e Chinquena. 

Nas xornadas, que estarán integradas por distintas charlas, talleres e coloquios, participarán os centros educativos María Inmaculada, Princesa de España e Amaro Refojo. 

A actividade foi presentada onte pola concelleira de Tráfico do Concello de Verín, Cándida Couñago; e polo presidente e vicepresidente do Club BTT Verín, Quico Calviño e Mario Manuel López, respectivamente. "Estas xornadas nacen coa finalidade de poñer en práctica un dos principais obxectivos do clube, que é servir de exemplo ás novas xeracións, trasladándolles uns hábitos de vida saudables", manifestou o presidente do Club BTT Verín. As xornadas irán destinadas ao alumnado de quinto e sexto de Primaria, xa que "é nesa idade cando dan os seus primeiros pasos en termos de mobilidade. Como colectivo vulnerable neste eido, cremos que é o noso deber axudalos e guialos no seu espertar crítico", subliñou Quico Calviño. 

A directora do colexio María Inmaculada, Gerarda Fidalgo, cualificou como "un gran logro para a vila de Verín" que os tres centros educativos se unan para un obxectivo común "tan importante e fundamental". Cándida Couñago apuntou que a educación vial "é un elemento fundamental para a convivencia".

Te puede interesar