homenaje

O Hospital de Verín celebrou os 25 anos da súa inauguración

Hospital de Verín
photo_camera Acto conmemorativo del 25 aniversario del Hospital de Verín

O evento, que tivo lugar no salón de actos, contou coa primeira rapaza que naceu nas súas instalacións

O Hospital de Verín foi posto en marcha en 1994 polo Servizo Galego de Saúde e grazas a un investimento de 2.000 millóns das antigas pesetas. O centro médico atende a unha poboación de máis de 30.000 persoas e, nos últimos anos, ten mellorado a súa prestación de servizos e dotacións, así como ampliado o cadro de persoal.

Para soplar as 25 velas, o Sergas e a xerencia do centro organizaron un acto conmemorativo no salón de actos no que se agasallou cun diploma á primeira nena nada no hospital: Noelia Fernández Rodríguez. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, foi o encargado de homenaxear a esta moza que xa é parte da historia do centro. 

Tal e como explican dende a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas, o de Verín foi o primeiro hospital posto en marcha pola Xunta de Galicia dende a transferencia das competencias do Insalud ao Servizo Galego de Saúde. Naquel entón o orzamento anual medio previsto fixouse en 1.200 millóns de pesetas. 

Por outra banda, destacan que, nos seus inicios, foi "novidoso", sobre todo, na súa xestión, debido ao modelo de fundación pública implantado. O hospital foi pioneiro en aspectos como a telemedicina, a detección do "Helicobacter Pylori" -un xermen asociado á úlcera gástrica-, nos coidados paliativos a domicilio, nas unidades de xestión clínica e na autonomía dos servizos. Tamén en contar cunha unidade da dor. 

O centro inaugurouse contando cos servizos de medicina interna, cirurxía xeral, traumatoloxía, xinecoloxía, obstetricia, pediatría e urxencias e, posteriormente, engadíronse os de otorrinolaringoloxía, uroloxía, oftalmoloxía, dixestivo, pneumoloxía, reumatoloxía, hematoloxía e nefroloxía. Nos últimos 10 anos, Verín ampliou a súa carteira de servizos con consultas de cardioloxía, neuroloxía, reumatoloxía, dixestivo e endocrinoloxía. 

Dende o pasado ano tamén está a disposición dos pacientes a posibilidade de acceder a unha Unidade de Hospitalización a Domicilio e establecéronse, do mesmo modo, vías rápidas para o diagnóstico e tratamento do cancro de pulmón, de mama, colorectal, vexiga e melanoma. 

Na súa posta en marcha, en 1994, o Hospital contaba cun cadro de persoal de 140 traballadores e pasou a ter, en 2009, 154, que se homologaron como persoal estatutario do Sergas. Na actualidade, e pese a perda xeral de poboación na comarca, mantense nos 213 profesionais médicos -un incremento do 38 por cento en 10 anos-.

Te puede interesar