candidatura - municipais

Elas mandan no BNG de Oímbra

A candidatura do BNG de Oímbra, encabezada por Perfecta Losada -no centro, de blanco-.
photo_camera A candidatura do BNG de Oímbra, encabezada por Perfecta Losada -no centro, de blanco-.

O Bloque Nacionalista Galego presentará en Oímbra unha candidatura integrada por nove mulleres e tres homes na suplencia. Din que non foi algo premeditado, si cuestión de valentía, porque foron elas as que deron un paso adiante. 

En Oímbra o BNG é cousa de mulleres. Nesta formación os homes serán os que queden, literalmente, no banquiño, o vindeiro día 26 de maio. E é que nove mulleres -o número total de actas polas que pelexarán os distintos partidos nesta ocasión- ocuparán os primeiros postos de saída, relegando aos varóns á suplencia. 

Non foi algo premeditado, senon "cuestión de valentía", segundo di Perfecta Losada, traballadora da Axencia Tributaria, número un da lista nacionalista e que nas derradeiras eleccións municipais acaparou a atención mediática xunto a Ana Villarino (PP) e Marta Díaz (PSOE) por ser Oímbra o único concello de Galicia no que as tres cabezas de lista das distintas formacións que se presentaban eran mulleres. E é que neste municipio, o xénero femenino é o que leva o timón. Tamén na política. 

"Este ano demos un paso máis, pero non foi algo buscado. Nós falamos tanto con homes como con mulleres que pensabamos que podían ser interesantes para o noso proxecto", recorda Perfecta. "Deuse a casualidade de que houbo un par de mulleres que se ofreceron a vir con nós. Cando chegamos ao número seis démonos conta de que todas as que nos dixeran que si, eran mulleres", engade. A partir de aí Perfecta decidiu facer unha candidatura femenina. "Comenteillo á miña compañeira no Concello -Oímbra ten dúas edís do BNG- e díxome que si", asegura a candidata. 

Non foi porque non se intentara convencer aos homes do concello, pero sempre que o fixeron, atopáronse cunha negativa por resposta. "Por ese motivo digo que fomos valentes, xa que eles preferiron non meterse. Nos pobos, ás veces, é moi complicado conformar candidaturas polo tema da proximidade, de que non queres que te sinalen. É triste, pero segue pasando", opina Perfecta. 

Francisco Afonso e Manuel Afonso, dous históricos do Bloque Nacionalista en Oímbra, cedéronlle con gusto o testigo ás mulleres para quedar, nesta ocasión, no banquiño. "Non lles importou, todos dixeron que o que nós decidíramos estaba ben", di Perfecta quen manifesta sentirse orgullosa de que o xénero femenino avance. 

Perfecta non cre que a súa formación en Oímbra poida recibir mais ou menos apoios por idear unha candidatura feminista. "A xente vota ás persoas, e nos pobos moito máis", explica. 

A candidatura nacionalista esta integrada por funcionarias da administración e traballadoras da atención a domicilio e coidados á terceira idade que, o vindeiro día 26 de maio, demostrarán que as mulleres son imparables.

Te puede interesar