Fronteiras

Restriccións en Galicia | Emilio González visita os pasos fronteirizos para supervisar o protocolo de control

photo_camera Visita de Emilio González a la frontera en Feces de Abaixo (Verín).

En todos os pasos fronteirizos ourensáns controláronse un total de 76.331 persoas e 53.534 vehículos

Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense, acudiu este mércores aos postos de control fronteirizos de Verín-Vila Verde da Raia e de Manzalvos-Moimenta para supervisar as labores de control da fronteira con Portugal que están desenvolvendo os efectivos da Policía Nacional debido á pandemia.

Nesta mesma semana, o pasado luns, o subdelegado do Goberno desprazouse ata as fronteiras de Baltar-Montealegre e de A Madalena-Ponte da Barca, no marco desta visita institucional aos diferentes pasos da provincia.

Na cita en Feces de Abaixo, Emilio González estivo acompañado por Juan Carlos Blázquez, comisario xefe provincial do Corpo Nacional de Policía de Ourense, e por Eduardo Gutiérrez, comisario xefe provincial de Operacións. 

Durante a xornada avaliaron as medidas establecidas tralo restablecemento temporal dos controis na fronteira interior entre España e Portugal, acordada de maneira coordinada entre ambos os dous países, dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterán ata as 00:59 horas do vindeiro 6 de abril, co obxectivo de facer fronte á situación da crise sanitaria ocasionada polo covid-19.

González destacou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo nos catro pasos fronteirizos que permanecen abertos, controláronse un total de 76.331 persoas e 53.534 vehículos. Asemade, denegóuselle a entrada a 1.307 viaxeiros por non poder acreditar o motivo do desprazamento, o que supón un 1,7 por cento do total de persoas identificadas.

"No paso fronteirizo de Verín-Vila Verde da Raia, que permanece aberto as 24 horas do día todos os días da semana, controláronse 73.171 persoas e 51.274 vehículos, o que indica a importante actividade neste punto", salienta o subdelegado, que quixo agradecer "o desempeño e a dedicación que están a demostrar os funcionarios encargados do control fronteirizo nos postos habilitados".

Así, González expresou o seu desexo de que "esta situación excepcional do control de fronteiras dure o menor tempo posible, posto que será indicativo de que a emerxencia sanitaria volve a estar baixo control".

Datos dos outros pasos fronterizos

Emilio González tamén detallou na visita, os datos dos controis establecidos nos outros tres pasos fronteirizos, que se manteñen abertos de luns a venres en horario de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00 horas, sinalando que "fundamentalmente trátase de desprazamentos de proximidade e de traballadores transfronteirizos".

No paso de Baltar-Montealegre, dende a súa apertura o 15 de febreiro, rexistráronse 1.069 vehículos e 1.475 persoas, mentres que no de A Madalena-Ponte de Barca, que se abriu o 2 de marzo, controláronse 913 vehículos e 1.315 persoas.

Pola súa banda, o paso de Manzalvos-Moimenta, que tamén abriu o pasado 2 de marzo, tivo unha actividade de 278 vehículos e 370 persoas.

Te puede interesar