ENTREVISTA

Emilio Rúa: "A música en directo, ao vivo, é e será sempre insubstituíble"

photo_camera Emilio Rúa reinvéntase cun concerto online.

Emilio Rúa, músico do Riós, adáptase as circunstancias sanitarias actuais e dará un concerto virtual este sábado

Este sábado ás 19:00 horas, Emilio Rúa, cantautor e músico natural das Vendas da Barreira -no Concello de Riós- celebrará un concerto online, adaptándose á situación sanitaria actual. Este veciño do Riós, nado no 1976, leva adicándose á música dende os sete anos de idade, cando comezou a súa carreira profesional nun proxecto familiar. 

Agora, con varios discos na mochila, dous premios nacionais de cantautores -Cantigas de Maio e Jóvenes cantautores de Elx-, varios duetos con personaxes coñecidos do panorama musical e outra chea de proxectos, Emilio Rúa busca a forma de reinventarse e seguir dando a coñecer a súa música.

emilio rúa

Por que decidiu facer un concerto virtual?

Decidinme a facelo porque logo de dar no 2020 varios concertos en directo que á súa vez foron retransmitidos online, nas circunstancias nas que estamos, díxenme que eu tamén podía organizarme e facelo dende a casa. Xa que teño bos medios de son e un teléfono bo, pois para adiante. E sobre todo, porque supón un reto e gústanme os retos.

Entón, este concerto online, é unha forma de reinventarse?

É un xeito de adaptarse a unha circunstancia especial. Se agora mesmo esta é a única canle posible para poder chegar á xente pois hai que aproveitala como podemos. 

É unha realidade que o coronavirus está afectando enormemente ao sector cultural, e ao da música especialmente. En que o notou vostede ao longo da pandemia?

Aínda é pronto para saber as consecuencias reais do que provoca no sector. Agora mesmo implica ter que pasar pola difusión online unicamente. Cando puidemos volver aos escenarios no 2020 logo do confinamento tiven a gran sorte de actuar bastante e ver como se apoiou á cultura con todas as medidas aplicadas e daste conta de que é posible facer as cousas doutro xeito, e realmente é o máis acertado, incluso espero que para un futuro siga sendo así polo ben de todos e da nosa saúde. Podemos actuar pero con medidas e protocolos que socialmente debemos de cumprir, non como máquinas pero si con cautela.

Que pensa que pasará no futuro co sector cultural?

É difícil sabelo. Están cambiando as fórmulas que levan tempo anunciándose. Interesa que impere o dixital por riba de todo. Pero o que si que sei é que a música en directo, ao vivo, é e será sempre insubstituíble. Pensemos no ibook... aí está pero non pode vencer ao libro físico, non o fará, estou convencido. Pois coa música é algo similar.

Respecto ao seu concerto deste sábado, cal será o repertorio?

Cantarei cancións dos meus discos, sobre todo unhas cantas do disco Destino sur, que é moi meu. Pero tamén algunha do disco de Duetos e 4 poemas dos libro-discos de Cunqueiro, Xosé Carlos Caneiro, Ánxela Gracián e dun futuro espero co escritor gaditano Luis García Gil, que nos coñecemos grazas a amizade con Víctor Manuel.

Que expectativas ten do concerto?

Simplemente que quen poida velo que o desfrute. E saber que son capaz cos meus medios de chegar polas redes á xente senapoio de ningún tipo, un reto como xa dixen.

Será raro estar tocando só sen ningún tipo de público?

Raro non, rarísimo. Fagoo pero non me gusta, teño que recoñecelo. Unha vez que te animas e ferve o sangue pois méteste dentro e actúas, pero, polo menos no meu caso, cando canto penso en máis cousas, aínda que me centro ao 100% no que estou a cantar, pero podo partillar o disco duro (entre risas), e saber que estou solo na habitación, só cantando para alguén no salón da súa casa e non poder ver a súa reacción e sobre todo miralo, faise estraño.

Se tivera que falar da súa peza estrela, cal sería?

Vida Miña, sen dúbida. Como autocrítica é o mellor que fixen xunto Mamá Sara ou Coroza, aínda que hai moitos temas redondos que quedaron aí no tempo para os que veñan detrás e que estou convencido de que os saberán entender e apreciar.

Que é para vostede a música?

Pois a miña sombra. Na luz faime sentir imparable e na escuridade como o que realmente son: ese neno do grupo Concorde Atenea.

O grupo Concorde Atenea fundouno seu pai cos seus catro irmáns maiores nas Vendas da Barreira (Riós)... Con sete anos facía música nesta pequena aldea, agora está facéndose un nome no panorama musical. Que supón isto para vostede?

As miñas raíces están e sempre estarán. Os meus valores son a xente da aldea, traballar na terra con eles como sempre fixemos dende nenos,  se unha árbore crece e perdura danos esperanzas. Eso son as raíces. Agora continúo na tarefa de facerme un nome, o que implica estar orgulloso de saír das Vendas e cantar a dúo con Milanés, Víctor Manuel ou Rozalén, por exemplo. Sen case apoio algún fun facendo camiña coa miña independencia.

E para rematar... Que mensaxe de esperanza nos daría nestes tempos tan difíciles?

Sempre haberá unha man que se tenda para axudar. Sempre.

Te puede interesar