ENTREVISTA

Miguel Ángel Prieto: "Escribo para contar historias do meu pobo e estar en contacto coa miña terra, Verín"

photo_camera O verinés Miguel Ángel Prieto. (Foto: Nestor Davis).
Miguel Ángel Prieto presenta este xoves o libro "Dende a Ponte a Monterrei" en Verín

Miguel Ángel Prieto (Verín, 1968), máis coñecido como Chitín, presenta este xoves, ás 19,30 horas, na Casa da Cultura o seu libro “Dende a Ponte a Monterrei”, unha recompilación de artigos que gardan algo en común: o val de Monterrei. 

 

Que nos atopamos no libro?

Unha recompilación de artigos, escritos durante unha década onde plasmo historias dirixidas a miña terra, Monterrei, e as súas xentes. Son historias variadas, vivencias persoais e outras contadas polos maiores, de personaxes de pobo, de amigos, artistas. Tamén lugares emblemáticos e outras circunstancias da vida, como a violencia de xénero, o alzheimer ou o acoso escolar. O Nadal da miña infancia e o Entroido, nos que reflexo os meus sentimentos.

 

Se tivera que escoller un artigo, cal sería?

Todos son importantes, pero se tivera que elixir quedaríame co último relato do libro, onde quixen facer unha homenaxe ao meu pai. É o escrito máis curto, pero o que máis tempo me levou escribir. Foi duro, pero emotivo.

 

O título da obra, a que se debe?

Quixen poñerlle o nome “Dende a Ponte a Monterrei” porque todos os escritos foron feitos no barrio da Ponte de Ourense, onde teño o meu domicilio, e todos van dirixidos ao val de Monterrei, a miña terra. 

 

“Dende a Ponte a Monterrei” é o seu primeiro libro?

Si, e como deixo reflectido no limiar, coido que será tamén o derradeiro, xa que eu non me considero escritor nin poeta. Deume por escribir, por contar cousas do meu pobo e así poder estar en continuo contacto coa terra que me viu nacer, que a levo sempre na miña alma e non é doado estar fora dela.

 

Por que ese amor por Verín?

En Verín nacín e aquí me criei ata que na adolescencia marchei buscando ilusións a outros lares. Aquí está a raíz da miña xente. Agora teño a miña familia no barrio da Ponte, o meu segundo fogar, pero quen me coñece sabe que levo Verín como bandeira. É un dos paraxes máis fermosos da nosa terra. Tardei en darme conta da beleza de Monterrei, pero agora que sei o que temos, é fermosa mires por onde mires.

Te puede interesar