“Elas Fan", a idea para visibilizar as artistas de Verín

Campaña #ElasFAN
photo_camera Sabela Domínguez e Alejandro Nieves, de Farlopa Fanzine.
A partir dun código QR Farlopa Fanzine amosa os perfís das mulleres do ámbito da cultura na vila

Elas Fan -en referencia a facer cousas e a condición de fan ou seguidor- é a última proposta de Farlopa Fanzine para dinamizar a cultura na vila de Verín, neste caso, aludindo ás mulleres pola conmemoración do seu día. 

A campaña foi deseñada por Farlopa, en colaboración co Concello de Verín e a Asociación de Empresarios -AEVER- e consta de varios códigos QR a través dos que se amosan os perfís profesionais de mulleres fotógrafas, pintoras, escritoras, ou artesás desta localidade. En total, trátase de 28 mulleres, e os mencionados códigos QR pódense atopar en edificios municipais, rúas e escaparates dos locais asociados a AEVER. "A cultura debe servir tamén como motor para o cambio social. Dar a coñecer o traballo destas artistas é a nosa maneira de facelo ver. A cultura debe estar comprometida coa sociedade e propiciar a creación de comunidades. Debe partir da perspectiva de xénero, dende logo, escapando sempre de calquera tipo de discriminación e procurando contribuír a crear un futuro sostible no máis amplo dos seus termos", aseguran Alejandro Nieves e Sabela Domínguez, promotores de Farlopa Fanzine, dende onde elaboraron un directorio cultural.

Te puede interesar