MONTERREI

A feira solidaria acollerá a 13 entidades sen ánimo de lucro

O mesmo día 1 de maio celebrarase a tradicional festa dos maios na Praza da Alameda da vila verinesa

A tradicional Festa dos Maios de Verín coincidirá en data -o vindeiro 1 de maio- coa celebración da cuarta edición da Feira Solidaria da vila, que contará coa participación de 13 entidades sen ánimo de lucro da localidade. A primeira terá lugar na praza da Alameda, e a segunda na de García Barbón, e onte foron presentadas polas concelleiras das áreas de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes e Educación Festexos e Cultura, Purificación Caldelas e Emilia Somoza, respectivamente. 

A Festa dos Maios prolongarase dende as 11,00 horas, ata as 20,00 horas e amosará as creacións de diferentes asociacións e centros públicos e privados da localidade. Dentro deste evento están programadas varias actividades que irán dende un trofeo de chave, pasando por postos gastronómicos ou a venda de coplas do Certame Enrique Gómez Pato -sobre o que tamén se celebrará unha conferencia-.

A Feira Solidaria de Verín pretenderá poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro. Un total de 13 entidades ofrecerán todo tipo de produtos e servizos con fins solidarios. Entre os obxectivos deste evento atópase o de recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións e conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos.

Te puede interesar