Femuro celebrará o seu mercadiño solidario do 13 ó 23 de decembro

photo_camera O último mercadiño solidario de Femuro, no verán. (Vídeo: C.C.).
Recollerán obxectos para o seu mercadiño ata o 9 de decembro

A Federación de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), coa súa sede en Verín, xa está a preparar o seu mercadiño solidario para o Nadal, un evento que organizan todos os anos co fin de recadar fondos para a federación e empregalos no seu traballo interno ou nos programas sociais nos que traballan durante todo o ano. 

Dende este venres, e ata o 9 de decembro, todas aquelas persoas que queiran aportar o seu graniño de area poderán levar á sede -no camiño vello de Sousas-  de Femuro, en horario de 10,00 a 14,00 horas, libros, xoguetes, contos infantís, obxectos de decoración, decoración de Nadal e outros útiles que xa non empreguen para que as traballadoras de Femuro os poñan á venda -a prezos baixos- no seu mercadiño solidario. “Non recollemos enciclopedias, libros de texto ou obxectos en mal estado”, recordan dende as súas oficinas de Verín. 

Tras a recollida de material, a preparación do mercadiño e a organización dos obxectos que se porán a venda, o mercadiño solidario de Nadal abrirá as súas portas o 13 de decembro. O local, localizado na avenida de Sousas, estará aberto ata o 23 de decembro. “Esta iniciativa é unha forma de recadar fondos e darlle unha segunda vida a obxectos que xa están en desuso pero en perfecto estado, vemos que é algo que funciona”, conclúen as traballadoras de Femuro.

Te puede interesar