La Región

Femuro presenta unha exposición sobre a muller no auditorio de Verín

Esta mostra, composta por un total de 23 fotografías de mulleres entre 7 e 45 anos, pretende visibilizar a mulleres do pasado e do presente, a aquelas que fixeron historia e que, ás veces, non se lles deu a importancia que merecían

Femuro presenta unha exposición sobre a muller no auditorio de Verín

Hoxe venres 26, ás 20,00 horas, a Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) presenta de maneira oficial a exposición fotográfica "Mulleres con historia" no Auditorio de Verín. Esta mostra, composta por un total de 23 fotografías de mulleres entre 7 e 45 anos, pretende visibilizar a mulleres do pasado e do presente, a aquelas que fixeron historia e que, ás veces, non se lles deu a importancia que merecían.

Do mesmo xeito, tamén terán o seu protagonismo aquelas mulleres anónimas que estarán representadas nesas imaxes e que de seguro teñen a súa propia historia.

O acto inaugural vai consistir na presentación da mostra fotográfica, precedida dunha breve introdución sobre a Federación de Mulleres Rurais, contando de onde xorde a idea deste proxecto e dando voz a algunhas das modelos que compoñen a exposición para que conten a súa experiencia 

Tamén se mostrarán dous vídeos curtos duns seis minutos cada un. 

CALENDARIO 

Femuro tamén presentará un calendario no que participan un total de 12 asociacións que, de maneira voluntaria, colaboran no proxecto. En cada mes, unha asociación forma -cos seus corpos- unha palabra relacionada coa igualdade e coa traxectoria de Femuro.