CELEBRACIÓN

A Festa da Castaña reúne en Riós a 1.500 persoas

Non foi un ano bo para a producción de castañas en Galicia en xeral e en Riós en particular. Sen embargo, foron moitos os que non se quixeron perder a vixésimo terceira edición da Festa da Castaña e do Cogumelo. 

Unha mala colleita non é incompatible coas ganas de pasalo ben. Ou, polo menos, eso foi o que deberon pensar as máis de 1.500 persoas que, segundo o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, se achegaron a disfrutar da vixésimo terceira edición da Festa da Castaña e do Cogumelo. "Está sendo un éxito, cada ano nos superamos máis, a xente está gozando moito, véselle nas facianas", salientou o rexedor local. "É certo que, coa colleita deste ano, non podemos estar moi contentos pois reduciuse ata case a metade", engadiu. 

Estímase que Riós, unhas das grandes zonas produtoras de castaña de toda Galicia, pode recoller anualmente unha media de entre dous e dous millóns e medio de quilos. "Sendo optimistas, pensamos que a producción total quedouse este ano nun millón e medio", subliñou Francisco Veiga. O mesmo opinan Carlos e Martín, dous veciños do municipio que se afanan en asar decenas de quilos de castañas nos seus tixolos. "Foron poucas e pequenas", di Carlos. "Houbo moita sequía e este feito repercutiu negativamente no produto", engade mentres lle da voltas ás que ten no lume. "En 30 minutos asaremos uns 30 quilos", aventura.

No recinto feiral de Riós non faltaron as pulpeiras nin a posibilidade de degustar produtos típicos como o chourizo, a prezos populares. A música tamén se sentiu dende primeiras horas da mañá. A agrupación "Támega" fixo bailar aos participantes que, ao redor do mediodía, ateigaban o centro do municipio e que mesmo se animaron a bailar as divertidas cancións de "Los payasos de la tele". 

Non só a castaña foi a protagonista desta festa, os stands participantes ofreceron todo tipo de productos, algúns feitos co froito estrela. Non faltaron expositores de cestas, mel, conservas do río Támega, xabón artesán, pan e libros. Unha das mostras que suscitou maior interese foi a de Castañam co seu lema "as castañeiras son as mariscadoras do rural". Nela podíanse atopar dende castaña galega en almíbar ata crema de castaña con chocolate. O seu responsable, Rubén Riós, destacou as múltiples cualidades do froito: "ten unhas propiedades organolépticas impresionantes, é rica en potasio e fibra e, ademais, é un dos froitos máis agradecidos e máis sanos que existen". 

Durante a xornada tamén houbo tempo para o deporte da man da ruta BTT "Tour ciclista da castaña", que congregou a decenas de amantes da bicicleta. A ruta, de 43 quilómetros de percorrido, saiu dos arredores da Casa Consistorial de Riós e chegou ata o límite do concello da Gudiña. "Foi bastante dura, con moitas subidas e baixadas, algunha xente perdeuse pero estivo ben", dixo Fidel Pérez, un dos participantes na actividade deportiva. 

A Festa da Castaña rematou pola tarde con máis musica da Charanga Támega e coa actuación do grupo de acordeóns da Escola de Música Bieito Blanco. 

Te puede interesar